O Concello recibiu a media mañá de hoxe información sobre o primeiro caso confirmado de contaxio por coronavirus no noso municipio. Trátase dunha residente do centro de maiores Suacasa que, tal e como informa o propio centro, foi trasladada de urxencia por un problema traumatolóxico ao hospital Arquitecto Marcide, onde se lle fixo o test marcado polos protocolos sanitarios que resultou ser positivo.
A residencia xeriátrica tamén lle comunicou ao Goberno local que “a día de hoxe” dentro das súas instalacións “non hai ningún caso confirmado de COVID-19” e que a situación “está sendo supervisada e tutelada polas autoridades sanitarias da Área de Ferrol”. A dirección da residencia asegura nun comunicado que “ningún dos nosos residentes nin traballadores presentan síntoma algún”, polo que queren trasladarlle á veciñanza “unha mensaxe de tranquilidade”.
O Concello, dentro das súas competencias, activou de inmediato o protocolo especial de recollida do lixo destinando un colector para uso exclusivo do centro onde se deberán depositar debidamente selados e sen separar todos os resíduos que se xeren nas instalacións.
Tan pronto como soubo da confirmación do positivo, Secundino García contactou co delegado territorial da Xunta para ofrecerlle a colaboración municipal nos labores de desinfección do entorno da residencia que, ao parecer, van efectuarse esta tarde con medios humanos e técnicos do Distrito Forestal. Na mesma comunicación, García tamén lle fixo saber a Ovidio Rodeiro da necesidade de proporcionarlle equipos de protección ao persoal do centro.
Discussion about this post