Integrantes da plataforma pola reindustrialización da comarca reuníronse onte no Concello de Narón e acordaron aprazar a manifestación que estaba convocada para o vindeiro domingo, 15 de marzo, dende a Praza do Inferniño ata a Praza de Galicia. Dende o colectivo explicouse que “en vista da situación que vivimos nestes días polo coronavirus, adoptamos unha postura responsable e decidimos aprazar a manifestación polo menos os quince días preceptivos”.
Así mesmo, incidiuse en que se decidiu “dar prioridade á saúde pública sobre a situación de reivindicación comarcal” e recordouse que, a maiores da convocatoria aprazada “temos solicitadas reunións cos ministerios de Fomento, Industria e Transición Ecolóxica e imos continuar con ese traballo”.
Finalmente, apuntaron, “no menor tempo posible, sempre que sexa oportuno, convocaremos de novo esa manifestación comarcal”. Os sindicatos CIG, CCOO e UGT, vinte concellos da comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal e a Confederación de Empresarios organizaron esta convocatoria. Representantes das citadas centrais sindicais, de administracións locais e de Cofer acudiron á xuntanza da pasada tarde en Narón.
Discussion about this post