O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar as obras de acondicionamento da estrada de Cedeira, ao seu paso polo concello de Valdoviño. O orzamento estimado desta nova intervención ascende a máis de 4,6 millóns de euros, no cal se inclúe o pagamento das expropiacións dos 136 predios necesarios para esta actuación.
A consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé a licitación das obras no segundo trimestre de 2020. Trátase da reformulación do proxecto de acondicionamento de preto de catro quilómetros da estrada AC-566, no treito Valdoviño-Cedeira. Unha vez superado o núcleo de Valdoviño, e ao longo dos dous primeiros quilómetros prevese realizar unha mellora do trazado existente. Para iso, incrementarase a plataforma mediante a inclusión de carrís adicionais para adiantamento seguro. Tamén se
rectificará a curva existente a carón da canteira sita no punto quilométrico 1+800.
Tamén se acometerá unha mellora do trazado mediante a rectificación das curvas existentes trala canteira e se engadirá un carril adicional en sentido inverso. Deste xeito, vaise ensanchar e reforzar o firme da estrada actualmente existente nun total de 2,11 km, así como a rectificación de curvas e o aumento da sección con carril adicional de circulación de 1,86 km da vía. Finalmente, instalaranse refuxios novos nas paraxes de autobús.
Discussion about this post