Ana Pontón (BNG): «Imos a por todas o 29-N para darlle máis forza a Galiza»

A portavoz nacional afronta as eleccións xerais "a por todas, sen límite e con ilusión"
Ana Pontón portavoz nacional BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou este luns en Santiago que a formación nacionalista afrontará as eleccións xerais do próximo 29 de novembro «a por todas, sen límite e con ilusión», co obxectivo de aumentar a representación de Galicia en Madrid e avanzar en dereitos sociais.

Pontón reivindicou o traballo desenvolvido polo Bloque durante a pasada lexislatura e defendeu que, cun único deputado no Congreso e unha senadora, a formación conseguiu máis avances para Galicia que os representantes galegos das forzas estatais. Entre os logros citou os descontos de até o 75% nas peaxes da AP-9 e da AP-53, a transferencia da AP-9, a quita de 4.000 millóns de euros da débeda, o incremento do financiamento da dependencia e a mellora das pensións máis baixas.

«Máis dereitos e máis forza para Galiza é o obxectivo que temos desde o BNG», sinalou a líder nacionalista, que presentou estas eleccións como unha oportunidade para facer valer os intereses galegos e conseguir novos avances sociais.

Unha candidatura que se decidirá mediante un proceso participativo

O BNG abrirá este mesmo luns pola tarde, na reunión da súa Executiva, o proceso de elaboración das candidaturas e dos programas electorais. Pontón destacou que será un procedemento democrático e participativo, no que os nomes das listas sairán das asembleas comarcais.

Preguntada pola continuidade do deputado Néstor Rego e da senadora Carme da Silva, a portavoz nacional asegurou que ambos «terán un papel relevante», aínda que evitou anticipar a decisión definitiva. «Gústame ser respectuosa coa organización», explicou, antes de sinalar que será o conxunto do BNG quen valore o traballo realizado e determine as candidaturas.

Pontón insistiu en que o Bloque concorre á cita electoral sen poñerse límites e coa intención de «gañar», ao considerar que a presenza dunha forza nacionalista con capacidade de decisión en Madrid é fundamental ante o que cualificou de «centralismo das forzas estatais».

O BNG como alternativa ao PP

A líder nacionalista situou o BNG como unha «alternativa clara» fronte ao PP que cualificou como «o máis ultra da historia». Segundo Pontón, os populares representan discursos de odio e desigualdade, ademais de políticas que favorecen a especulación coa vivenda, os recortes nos servizos públicos e os ataques á lingua galega.

Neste sentido, acusou o partido de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda de situarse «do lado dos fondos voitre», do lobby eléctrico e da banca, en lugar de defender os intereses das maiorías sociais. Fronte a iso, reivindicou o Bloque como un «dique de contención» ante unha dereita que, ao seu xuízo, «está botada ao monte».

Pontón tamén criticou o Goberno central, ao que acusou de non ter aproveitado os seus oito anos no poder para afrontar problemas como o acceso á vivenda. Como exemplo, referiuse ao recente desafiuzamento de Maricarmen, unha muller de 87 anos, para cuestionar a actuación do Executivo de Pedro Sánchez.

«No tempo de desconto non se pode solucionar o que non se fixo durante oito anos», afirmou, antes de reclamar máis decisión para defender á cidadanía fronte aos intereses dos grandes poderes económicos. Tamén lembrou que o BNG foi crítico coa política de vivenda do Goberno e co incremento do gasto militar, ao considerar que deberían priorizarse os investimentos sociais.

«Desde o medo non se consegue absolutamente nada»

Ante a campaña electoral que agora comeza, Pontón prognosticou unhas semanas «moi intensas» nas que, segundo advertiu, haberá quen tente mobilizar o electorado desde o medo. Fronte a esa estratexia, apelou á esperanza, á ilusión e á convicción de poder gañar.

«Hai que ir votar desde a ilusión e desde a convicción, non conformándonos co mal menor, senón dicindo que queremos gañar un futuro mellor», afirmou.

Ese futuro, explicou, pasa por unha Galicia con maior benestar social, salarios suficientes para chegar a fin de mes, unha vivenda accesible e unha sanidade pública forte. Tamén puxo o foco nas dificultades da mocidade para emanciparse e no prezo das habitacións, que nalgúns casos xa alcanzan os 700 euros.

Pontón defendeu así a necesidade de reforzar o BNG nas urnas para que Galicia teña maior capacidade de decisión no Estado. «O voto do BNG sempre suma a favor de Galicia, sexa cal for a circunscrición», afirmou, ao tempo que presentou a formación nacionalista como unha forza con «mans libres» para defender os intereses do país.

«Estamos preparados», concluíu a portavoz nacional, que asegurou que o BNG chega ao 29-N «co aval do traballo realizado e coa intención de conseguir máis forza para Galiza e máis avances para as maiorías sociais«.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.