A ilustradora Elisabet Hillerud impartirá en Valdoviño un obradoiro baixo o título «Letra inicial adornada con Zentangle». Celebrarase o sábado 25 de marzo ás 11:30 horas na Biblioteca, dirixido a nenos e nenas a partir de 7 anos e persoas adultas, e a inscrición abrirase este luns 20 de marzo -ata o venres 24 ou completar aforo-. Debe formalizarse na Casa da Cultura, de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 -ou chamando aos teléfonos 981 48 76 66 e 645 305 229neses mesmos horarios-. A participación é gratuíta.
No obradoiro fusionarase unha letra capitular con Zentangle, unha técnica sinxela que consiste en trazar patróns repetitivos que crea belas imaxes e fomenta a tranquilidade e a concentración, desenvolvendo a creatividade e a sensibilidade artística. Os participantes embelecerán a primeira letra do seu nome usando Zentangle, creando unha pequena obra de arte en miniatura única e personalizada. Durante o obradoiro, poderán experimentar unha maior capacidade de concentración e sentirán unha diminución da actividade mental para así gozar o momento presente. Esta atención plena poderase trasladar á vida mesma practicando o método Zentangle.
Doutra banda, O escritor Miguel Anxo Alonso Diz presentará este xoves en Valdoviño a súa obra «Instrucións para ler este libro». O acto comezará na Biblioteca ás 18:00 horas cun obradoiro para nenos e maiores baixo o título «Instrucións para facer un brinquedo», a cargo do profesor, escritor e investigador Antón Cortizas. De seguido, sobre ás 19:00 horas, arrancará a presentación literaria, con sinatura de exemplares ao seu remate. Editado por Xerais e con ilustracións de Luz Beloso, o libro é unha orixinal homenaxe aos personaxes da mitoloxía fantástica galega, en perigo de extinción.
Así mesmo, o autor participará nesta mesma xornada, pero pola mañá, no Foro-Literario Escolar que guía á súa vez Cortizas. Nel, rapaces e rapazas do CPI Atios poderán conversar con Alonso Diz ao redor da súa obra «O país da choiva».