Valdoviño volverá converterse esta fin de semana nun punto de encontro para os amantes da velocidade e dos deportes de inercia coa celebración da XXVIII Baixada de Carrilanas. A cita, xa consolidada no calendario deportivo, reunirá desde este venres 7 e ata o domingo 9 de agosto a participantes chegados de diferentes puntos do Estado e tamén do norte de Europa.
A edición deste ano contará con 56 deportistas e volverá ter carácter puntuable para a Copa Galicia, a Copa de España e a Copa de Europa, consolidando a proba como unha das grandes referencias desta disciplina.
1.207 metros de baixada
Os pilotos deberán completar un espectacular percorrido de 1.207 metros, con saída no Graño e chegada en San Mamede. Entre os grandes favoritos estará novamente Christian Marugán, actual campión de España e vencedor da proba nas últimas nove edicións.
A organización manterá a fórmula que converteu a Baixada nunha das citas máis singulares do verán en Valdoviño, combinando a competición con actividades paralelas para todos os públicos.
Un sábado cargado de actividade
A zona de acampada gratuíta abrirá o venres ás 12:00 horas. Xa o sábado, entre as 15:00 e as 16:00 horas, realizaranse as verificacións técnicas e administrativas, antes do remonte dos participantes ata a liña de saída. Os primeiros adestramentos oficiais comezarán ás 17:00 horas, mentres que a primeira baixada oficial está prevista para as 18:00 horas.
A xornada continuará pola noite coa cea carrilaneira, cun menú de 10 euros, e o XII Festival de Karaoke, que dará comezo arredor das 22:00 horas. O domingo pola mañá estará especialmente dedicado aos máis pequenos. Entre as 12:00 e as 13:00 horas, nenos e nenas poderán participar na súa propia competición, dividida en dúas categorías: de 1 a 5 anos e de 6 a 13 anos.
A programación continuará coa sesión vermú e unha paellada de marisco a prezos populares, con racións a 8 euros. Pola tarde, ás 16:00 horas, realizarase o remonte dos participantes e, media hora máis tarde, terá lugar a baixada oficial. Ademais dos trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, entregaranse tres premios ás carrilanas máis humorísticas e un galardón ao mellor salto.
A seguridade, unha prioridade
Durante a presentación da cita, a organización volveu situar a seguridade como o principal obxectivo. Diego Barcia, adxunto á dirección de carreira, lembrou que o risco cero non existe, pero destacou o amplo dispositivo preparado para reducir ao máximo calquera perigo.
Neste sentido, puxo en valor a colaboración das forzas e corpos de seguridade e de Protección Civil da comarca, fundamentais para o desenvolvemento da proba.
A edición deste ano traerá tamén un relevo na dirección de carreira: Lara Bouza Torres asumirá o posto, tomando o testemuño de Diego Barcia. A nova responsable coñece a proba desde a infancia, polo que a organización confía na súa experiencia e profundo coñecemento da baixada.
Un escaparate para Valdoviño
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, destacou o papel da Baixada como escaparate turístico para a localidade, ao combinar deporte, tradición e espectáculo nunha cita capaz de atraer visitantes de fóra da comarca.
Desde a organización e o Concello animan á cidadanía a achegarse e gozar da programación, lembrando que durante as baixadas será fundamental seguir en todo momento as indicacións da organización para garantir a seguridade de participantes e público.