Valdoviño volverá dar protagonismo aos artesáns e produtores locais no Pantín Classic

O Concello habilitará por segundo ano consecutivo un espazo gratuíto de exposición e venda no village do campionato, que se celebrará do 22 ao 30 de agosto
Unha pasada edición do Pantin Classic Surf | Concello de Valdoviño
Unha pasada edición do Pantin Classic Surf | Concello de Valdoviño

O Pantín Classic Galicia Pro volverá ser este ano un escaparate non só para o surf, senón tamén para o talento e os produtos de Valdoviño. Por segundo ano consecutivo, o Concello habilitará un espazo compartido de promoción e venda para artesáns e produtores locais no village do campionato.

A iniciativa, impulsada pola Concellería de Cultura e Turismo, busca aproveitar a gran capacidade de atracción do evento deportivo para dar visibilidade ás marcas e proxectos do municipio ante os miles de visitantes que cada ano se achegan a Pantín.

Aberta a inscrición para os produtores

As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse na iniciativa. Para facelo, deberán enviar unha mensaxe de WhatsApp ao número 609 669 801.

O espazo estará dispoñible do 22 ao 30 de agosto, coincidindo coa celebración do campionato, e será compartido entre os diferentes artesáns e produtores participantes.

Serán os propios expositores os encargados de consensuar o calendario de participación que mellor se adapte ás súas necesidades e intereses.

Unha experiencia que se repite tras o éxito do ano pasado

A proposta xa se puxo en marcha con bos resultados na pasada edición do Pantín Classic e tamén durante este ano no Campionato de España de Surfing, polo que o Concello aposta novamente por unha fórmula que permite aos negocios e creadores locais aproveitar o fluxo de visitantes xerado pola competición.

O obxectivo é que o campionato sirva tamén como escaparate para a actividade económica e artesanal de Valdoviño, integrando a oferta local nun evento que cada ano transcende o ámbito estritamente deportivo.

Pantín Classic, moito máis que surf

O Abanca Pantín Classic Galicia Pro celebrará este ano a súa 39ª edición e chegará cunha importante novidade: o campionato dará o salto á categoría WSL Special Event / QS 6000 Internacional, unha das categorías máis relevantes creadas pola World Surf League para un número reducido de probas estratéxicas no mundo.

A competición atrae cada edición a preto de 100.000 visitantes e conta ademais cun amplo programa paralelo que inclúe propostas gastronómicas, actividades relacionadas co medio ambiente e actuacións musicais, entre outras.

Neste contexto, o espazo dedicado aos produtores e artesáns locais permitirá que Valdoviño amose tamén o seu talento e a súa identidade a través dos seus propios produtos, aproveitando a proxección internacional que o Pantín Classic terá nesta edición.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.