Desde a asociación de veciños os Irmandiños, de Narón, rexistraron a pasada semana dúas solicitudes á Axencia Galega de Infraestruturas relacionadas co «nulo mantemento da estrada AC-116 ao seu paso pola parroquia de O Val».
Na primeira solicitude enviada o 17 de Maio, demandan a limpeza das beirarrúas, xa non só pola maleza acumulada «que case non permite camiñar por elas nalgúns tramos» senón que tamén pola «perigosidade sanitaria debida á acumulación de lixo» como máscaras e luvas usadas, entre outros.
Na segunda solicitude enviada o 19 de Maio, a entidade veciñal pide a reparación das propias beirarrúas xa que en moitos tramos hai lousas levantadas, rotas ou incluso fochancas debido á desaparición das mesmas, «o cal dificulta a mobilidade sobre todo pensando en persoas con dificultade para camiñar ou quen leve carriños de bebés ou cadeiras de rodas».