O cume do clima de Dubai

O xoves 30 de novembro abriuse en Dubai o Cume do Clima, na denominada “Conferencia das Partes” (COP 28) para as negociacións sobre o clima e a aplicación do Acordo de París de 2015, que obriga aos países asinantes a acometer recortes na emisión de gases de efecto invernadoiro co obxectivo de evitar que a temperatura do planeta non supere os dous graos respecto aos niveis preindustriais e na medida do posible non pase 1,5º C. As reunións durarán quince días e están acreditados máis de 200 países e preto de cen mil persoas.

O paradoxo é que se celebra o cume nos Emiratos Árabes Unidos (EAU), un país gran produtor de petróleo e gas, no que un terzo do seu PIB ven precisamente desta produción, exercendo como presidente do COP 28 o seu ministro Sultán Al Jaber. Ás reunións asistirá o presidente español Pedro Sánchez representando á Unión Europea.

As emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) debidas aos combustibles fósiles volven marcar récords e seu impacto no cambio climático foi este ano moi visible en todo o planeta cos fenómenos meteorolóxicos adversos, inundacións, choivas torrenciais, secas, as vagas de calor extremo e os xigantescos incendios ocorridos en Canada, Grecia, norte de África, Turquía, Tenerife e noutro extremo do planeta, na illa de Maui en Hawai onde un enorme incendio forestal avivado polos ventos do furacán Dora, reduciron a capital da illa a cinzas con máis dun centenar de mortos. Todos estes fenómenos deixan mortos, destrución e desolación ao seu paso.

Publicidad

O descenso do xeo mariño na Antártida e as subidas da temperatura e nivel do mar tamén están a bater récords neste ano. Os desastres naturais están presentes e non podemos pechar os ollos ante a devastación que producen.

Como di o Secretario Xeral da ONU Antonio Guterres: estamos vivindo o colapso climático en tempo real e o impacto e devastador.

O Cume arrancou este xoves en Dubai cunha boa nova: os case 200 países que participan nas negociacións aprobaron o establecemento dun novo fondo financeiro para compensar as perdas e danos que sofren os países mais vulnerables debido ao cambio climático, un fondo que será xestionado polo Banco Mundial. Preténdense con ese diñeiro poder facer fronte aos danos asociados aos fenómenos meteorolóxicos adversos: as emerxencias climáticas, o aumento do nivel do mar e os desprazamentos e migracións que provocan.

O quecemento global do planeta non cesa e os expertos do clima afirman que neste ano 2.023 vanse acadar as temperaturas mais altas do planeta desde que hai rexistros (1.850), polo que urxe ir reducindo progresivamente o uso dos combustible fósiles e substituílos por enerxías renovables. O proceso de cambio non é doado e observamos como as empresas e países produtores de petróleo, gas e carbón seguen con plans de expansión das extraccións.

Veremos que da de si este novo Cume-COP.28 e as resolucións e compromisos que se adoptan.

Publicidad
Salir de la versión móvil