A Deputación da Coruña destinará 3,1 millóns de euros a axudas para entidades culturais en 2027

O organismo provincial habilita cinco liñas de subvencións para financiar actividades, reformas, equipamentos e programación cultural, cun prazo de solicitude aberto ata o 18 de decembro
Imaxe de arquivo da sede da Deputación da Coruña.
Imaxe de arquivo da sede da Deputación da Coruña.

A Deputación da Coruña destinará 3,1 millóns de euros a financiar a actividade e os investimentos de entidades culturais da provincia en 2027, a través de cinco liñas de subvencións. As convocatorias, que cobren entre o 20% e o 80% dos gastos subvencionables, están dirixidas a asociacións, agrupacións musicais, fundacións, museos e outras entidades, que poderán presentar as súas solicitudes ata o 18 de decembro ás 14:00 horas.

A deputada de Cultura, Natividade González, destacou que estas axudas buscan ofrecer estabilidade ao tecido asociativo e facilitar que as organizacións poidan preparar a súa programación e mellorar os seus recursos. Segundo explicou, o financiamento provincial permitirá reforzar tanto as actividades culturais como as infraestruturas e equipamentos necesarios para manter a oferta cultural nos concellos, con especial atención ás localidades máis pequenas.

González tamén reivindicou o papel das agrupacións de música e baile tradicional, corais, bandas, museos e fundacións, ao considerar que o seu labor contribúe á dinamización social das vilas e parroquias e á conservación do patrimonio. Ademais, incidiu na importancia destas entidades para transmitir a cultura galega e favorecer o uso da lingua en todos os ámbitos.

Cinco liñas de subvencións

A convocatoria de maior contía é a destinada á organización de actividades por parte de entidades sen ánimo de lucro (FO203/2027), que conta con 1,2 millóns de euros. As asociacións culturais poderán recibir entre 3.000 e 30.000 euros, mentres que as entidades veciñais, de tempo libre, pedagóxicas, sociais e asistenciais optarán a achegas de ata 10.000 euros.

A segunda liña, FO204/2027, dispón de 525.000 euros para investimentos culturais. Inclúe actuacións como reformas de locais, adquisición de mobiliario, equipos informáticos ou material técnico, con subvencións de entre 3.000 e 15.000 euros. Poderán beneficiarse desta convocatoria fundacións, museos, centros de interpretación, bibliotecas e asociacións sectoriais, entre outras entidades.

Por outra banda, 650.000 euros financiarán actividades de institucións museísticas, bibliotecarias e entidades de representación cultural. Esta liña contempla axudas de entre 5.000 e 30.000 euros e está dirixida a fundacións públicas e privadas non instrumentais, titulares de museos, bibliotecas e centros de interpretación, así como asociacións profesionais e amadoras de representación colectiva da cultura galega.

O resto do orzamento distribúese en dúas convocatorias específicas para agrupacións musicais. O programa FO213/2027 reserva 500.000 euros para actividades culturais e escolas de música, con achegas de entre 1.500 e 30.000 euros, destinadas a corais polifónicas, bandas populares, entidades de música e baile tradicional e formacións musicais de gran formato.

A última liña, FO214/2027, está dotada con 225.000 euros para investimentos destas agrupacións. As axudas, que oscilan entre 1.500 e 15.000 euros, permitirán financiar obras nos locais sociais, compra de instrumentos, vestiario, partituras e outros recursos necesarios para o seu funcionamento.

As bases completas das convocatorias están recollidas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) número 208, do 30 de outubro, mentres que os extractos publicáronse no número 214, do 9 de novembro. A presentación das solicitudes deberá realizarse exclusivamente por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, dispoñible na sede electrónica da Deputación da Coruña.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.