A Deputación de Lugo e a Universidad de Santiago de Compostela consolidan a súa alianza para fortalecer o Campus de Lugo. A presidenta provincial, Carmela López, e a reitora da USC, Rosa María Crujeiras, formalizaron no Pazo de Montenegro un novo convenio de colaboración que supón unha achega de 370.500 euros, máis do 80% do total do acordo, destinada a mellorar infraestruturas, fomentar a investigación e ampliar as oportunidades formativas do alumnado.

Carmela López destacou que o Campus «é un dos grandes motores da provincia» e subliñou o compromiso da Deputación coa educación pública como ferramenta de igualdade. A presidenta tamén puxo en valor a Granxa Escola Gayoso Castro, definida como «un centro experimental único no país» que permite prácticas a máis de 1.500 estudantes cada ano.
Rosa María Crujeiras salientou que Lugo hoxe é unha cidade universitaria e atribuíu parte dese avance ao apoio continuado da institución provincial que foi clave en ámbitos como a investigación, a divulgación ou as infraestruturas.
Melloras en instalacións: máis de 200.000 euros
A maior parte do investimento destinarase ao mantemento e actualización das instalacións do Campus e do propio Pazo de Montenegro. O documento especifica que se acometerán actuacións en sistemas eléctricos, ascensores, redes de auga e saneamento, telecomunicacións e xestión de residuos, co obxectivo de garantir o bo funcionamento dos espazos universitarios.

Investigación e divulgación científica: preto de 200.000 euros
Outra das liñas destacadas é o impulso á divulgación e á transferencia de coñecemento. O convenio permitirá financiar iniciativas como o Campus de Veran Xuvenciencia, o programa A Ponte, a exposición Ciencia en Movemento ou as actividades do Museo Domus do Mitreo.
Ademais, resérvanse 24.000 euros para proxectos de investigación vinculados a centros como o IBADER, iTerra ou a Estación Científica do Courel, así como para facilitar a mobilidade de persoal investigador en etapas iniciais.
Formación práctica: 40.000 euros para prácticas en granxas e empresas
O acordo tamén reforza a formación práctica do alumnado, especialmente da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. A Deputación achega 40.000 euros para prácticas na Granxa Gayoso Castro e noutras explotacións e empresas da provincia, achegando ao estudantado á realidade do sector agrogandeiro e ás novas tecnoloxías.

Outras colaboracións: cesión de terreos e apoio a proxectos
A cooperación entre ambas institucións abrangue tamén a cesión gratuíta dos terreos onde se sitúan facultades e centros de investigación, así como a parcela destinada á futura Facultade de Formación do Profesorado.