A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) pediu á Xunta de Galicia que busque unha solución para que os cinco concellos que non completaron a adhesión ao novo acordo de financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) poidan acceder igualmente ao incremento das achegas autonómicas previstas para os próximos anos.
Os municipios afectados son Culleredo, Gondomar, Rodeiro, Rairiz de Veiga e Entrimo. De non regularizarse a situación, estes concellos quedarían fóra da subida económica acordada para 2026, 2027 e 2028, o que suporía deixar de recibir máis de 1,5 millóns de euros en conxunto.
A Fegamp segue sen resposta do goberno
Segundo explica a Fegamp, o requisito de presentar unha adhesión expresa non figuraba no acordo asinado coa Consellería de Política Social nin tampouco fora necesario en anteriores actualizacións do financiamento do SAF. A federación municipal asegura que solicitou aclaracións á Xunta tras publicarse a orde no DOG, aínda que sinala que non obtivo resposta.
O presidente da Fegamp, Alberto Varela, considera que a situación debe solucionarse para evitar que os concellos perdan uns fondos que xa foran pactados tras meses de negociacións, mesmo ofrecendo a colaboración da entidade municipalista para mediar tanto coa Xunta como cos municipios afectados.
As dotacións do novo acordo
Ata o momento, 308 dos 313 concellos galegos xa formalizaron a súa adhesión ao convenio, que ten como obxectivo aliviar o esforzo económico que supón manter o servizo de atención domiciliaria para persoas dependentes. O acordo contempla un incremento progresivo da achega autonómica por hora de servizo: 16 euros por hora durante 2026, 17 euros por hora en 2027 e ata 18 euros por hora en 2028. A contía estaba situada en 12 euros por hora no exercicio anterior.
Se finalmente os cinco concellos quedan excluídos da actualización, as perdas económicas serían especialmente elevadas nalgúns casos: Culleredo deixaría de percibir máis de 610.000 euros, Gondomar perdería arredor de 510.000 euros, Rodeiro quedaría sen preto de 180.000 euros, Rairiz de Veiga deixaría de recibir máis de 160.000 euros e Entrimo perdería uns 130.000 euros.
A preocupación da Fegamp céntrase agora en lograr que todos os municipios poidan beneficiarse das melloras acordadas para garantir a continuidade e sustentabilidade do SAF en Galicia.


