A viguesa Ester Navarrete vén de conseguir a medalla de bronce por equipos durante a maratón do Campionato Europeo de Atletismo. Dende o luns 10 de agosto ata o domingo 16, a élite do atletismo galego e español mudouse a Birmingham para participar nunha intensa xornada de probas que deixou oito medallas para o país.
Cun tempo de 2.31.57, Navarrete consegui o posto 18º e posicionouse como a terceira española na maratón, contribuindo a acadar os puntos necesarios para lograr o terceiro posto por equipos. As outras clasificadas foron: Carolina Robles (8º), Fátima Azzahraa (15º) e Meritxell Soler (20º). Desta maneira convertiuse na única galega en conseguir medalla durante o torneo. Aínda así, non foi a única dos nosos en aterrizar en Birmingham para buscar o ouro durante o campionato.
En lanzamento de peso, Belén Toimil quedou a tan só dous puntos de acadar o pase á final con 16.79 m. Doutra banda, o campión de España e finalista olímpico, Adrián Ben, non conseguiu tampouco entrar na final logrando quedar 9º cun crono de 3:42.52. O deportista publicou nas súas redes sociais as súas sensacións tras a derrota, amosando aos seus seguidores a desilusión tras a proba mais as súas ganas de superalo e seguir adiante.
Tras conseguir un posto na final cun mellor lanzamento de 59.85 m, a lanzadora de xavelina Yulenmis Aguilar conseguiu o 9º lugar con 57.06 m. Aínda que non foi a marca nin o posto agardado, a finalista olímpica volveu a alta competición reposta da súa lesión durante este torneo en Birmingham.
Os irmáns Chamosa tamén participaron no campionato. Dani Chamosa logrou situarse no sétimo posto na final de maratón, conseguindo un novo récord galego absoluto de 3h.02.32 (o anterior tíñao el mesmo dende o pasado 12 de abril en Brasil con 3h.13.10).
Doutra banda, a súa irmá Antía Chamosa logrou o posto 12º na proba de media maratón con 1h.35.57. Tal e como comunicou ela nas súas redes sociais, «No siempre las cosas salen cuando uno quiere.». A pontevedresa recoñeceu nun post de Instagram que as tres últimas semanas foron «interminables» para ela e, aínda que saíu con ganas de conseguir o mellor resultado, as dificultades dos últimos días non llo permitiron. Aínda así mira con positividade cara á volta.
Na mesma proba, a lucense Aldara Meilán acadou o posto 9º con 1h.34.53 a pesar das súas molestias nos isquios, converténdose nunha das grandes marchadoras do futuro galego.

E por último, como mención especial, cabe destacar a plata da deportista francesa Alice Finot, afincada en Ponteareas e adestrada polo vigués Manu Ageitos, que participou con éxito na proba dos 3000 obstáculos cun crono de 9:14.24.