A Mesa convoca unha mobilización contra o plan para o galego do PP

Vén de convocar unha manifestación diante do Parlamento o vindeiro mércores 7 de outubro fronte ó novo plan, "unha regresión nacida da chataxe que quixo impor o PP"
A Mesa Pola Normalización Lingüística lingua vital galego

A Mesa pola Normalización Lingüística convocou unha concentración para o vindeiro mércores 7 de outubro diante do Parlamento de Galicia, en Santiago de Compostela, coincidindo coa sesión plenaria na que está previsto debater e votar a actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. A entidade pretende denunciar o que considera un intento de rachar cos consensos sociais construídos arredor da política lingüística.

O presidente da organización, Marcos Maceira, sostén que o documento que chegará á Cámara autonómica non supón unha actualización do plan actualmente vixente, senón, ao seu xuízo, “unha regresión nacida da chantaxe que quixo impor o PP”. A Mesa considera que a principal consecuencia práctica do novo texto será manter as limitacións ao uso do galego no ensino mediante porcentaxes máximas e trasladar aos claustros dos centros educativos parte da responsabilidade sobre a súa aplicación.

A organización critica tamén o papel do PSdeG, ao que acusa de “ceder á chantaxe” do Partido Popular polo acordo para sacar adiante a actualización do plan. Maceira reclama aos socialistas que rectifiquen e recuperen a posición de compromiso co Plan Xeral de Normalización que, segundo lembra, mantiveron desde 2004.

Críticas ao marco normativo

A Mesa cuestiona ademais o papel da Xunta na regulación dos usos lingüísticos e cualifica o novo plan de “documento sen valor xurídico”. Maceira acusa o PP de actuar como se o Goberno galego non tivese capacidade para modificar as normas que, segundo a entidade, restrinxen a presenza do galego ou como se non fose responsable da súa elaboración e aprobación.

O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega constitúe o marco de referencia da política lingüística galega e recolle máis de 400 medidas destinadas a favorecer o uso do idioma en distintos ámbitos sociais. A Xunta previra que a súa renovación servise para impulsar novas actuacións de promoción do galego.

Reivindicación da ILP Lingua Vital

A Mesa vincula tamén a convocatoria coa Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) Lingua Vital, promovida pola plataforma Queremos Galego e rexistrada no Parlamento poucas semanas antes do anuncio do novo plan.

Segundo Maceira, esta iniciativa é “a única proposta con accións efectivas que comprometen e obrigan a Xunta e os poderes públicos”. A organización adianta así que continuará reclamando un marco legal que, fronte ás actuais limitacións, non estableza restricións ao uso do galego.

A concentración do 7 de outubro terá lugar diante do Pazo do Hórreo, onde A Mesa pretende visualizar o rexeitamento da entidade ao texto que será sometido á consideración do Parlamento galego.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.