A Mesa pola Normalización Lingüística alerta de que a lei de medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, que este luns recibiu o visto e prace do Consello da Xunta e remitirase ao Parlamento para a súa aprobación definitiva, “reduce aínda máis a anecdótica oferta do 0,9%” de contidos televisivos en galego.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, refírese ao artigo 7 desta polémica norma que abre a posibilidade de empregar outras linguas, ademais do galego, para as producións da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) “cando así o xustifique a finalidade de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fose do territorio”.
Maceira denuncia, a través dun comunicado, que se “pretende esquecer o papel central que os medios públicos galegos teñen na normalización” do idioma, a pesar do amplo apoio social de propostas como a ‘Iniciativa Xabarín'”, que A Mesa levou ao Parlamento galego con 30.000 firmas e que resultou aprobada por unanimidade.
O presidente deste organismo volve cargar contra a Xunta porque, “mentres di estar a promover un pacto polo galego”, continúa “eliminando calquera uso e presenza do galego” na sociedade, “por mínima que sexa”.
“Queren expulsar máis o galego da única televisión onde se usa”, insiste Maceira, á vez que denuncia que a Xunta se “nega a recibir” á entidade que dirixe no marco dese novo pacto pola lingua. Finalmente, A Mesa pola Normalización fai un chamamento a apoiar a iniciativa lexislativa popular ‘Liberemos a Galega’.