O proxecto dunha planta de biogás prevista en Vista Alegre, na parroquia de Soandres, na Laracha, volverá centrar o debate político e social na comarca de Bergantiños. O Grupo Municipal Socialista de Coristanco levará ao próximo pleno unha moción na que solicita o rexeitamento institucional da iniciativa e a paralización da súa tramitación polos posibles riscos ambientais asociados ao río Anllóns.
Unha ameaza para o ecosistema da comarca
A formación considera que a proximidade da instalación ao leito fluvial e o volume de residuos que trataría a planta poderían supoñer unha ameaza para o ecosistema e para a contorna natural da comarca. Segundo recolle a proposta presentada, a planta estaría destinada ao tratamento de máis de 63.000 toneladas anuais de puríns, lodos industriais e subprodutos SANDACH.
O portavoz socialista en Coristanco, José Manuel Pérez Abelenda, advertiu de que o proxecto “xera unha preocupación crecente entre a cidadanía e os colectivos ecoloxistas”, especialmente polo impacto potencial sobre o río Anllóns, considerado un dos espazos naturais máis relevantes de Bergantiños.
Entre as cuestións que se poñen sobre a mesa figura tamén a xeración de máis de 50.000 metros cúbicos de augas industriais ao ano e o aumento do tráfico pesado na zona, cunha previsión superior aos 30 camións diarios. Segundo a moción, esta actividade incrementaría o risco de vertidos accidentais, filtracións e deterioro das infraestruturas próximas ao río.
A iniciativa que se debaterá no pleno reclama á Xunta a paralización inmediata da tramitación do proxecto ata dispoñer de estudos independentes e actualizados sobre o seu impacto ambiental, así como informes técnicos específicos sobre a vulnerabilidade do río Anllóns ante posibles incidentes. Dende o partido tamén propoñen trasladar o acordo ás consellerías competentes, a Augas de Galicia e á plataforma veciñal Stop Biogás A Laracha, ademais de reforzar a información pública á veciñanza sobre os riscos ambientais vinculados á planta.
Toda unha veciñanza en contra
A planta proxectada en Soandres, impulsada pola empresa Bioenergía A Coruña, ten como obxectivo producir biogás mediante dixestión anaerobia para a súa posterior transformación en biometano, ademais de xerar fertilizantes orgánicos a partir do chamado dixestato. Malia encaixar nos discursos vinculados á transición ecolóxica e á economía circular, a proposta xerou unha forte contestación veciñal e institucional na contorna.

Os veciños da zona veñen de crear unha plataforma contra a planta, xa que sosteñen que -como ven se respalda no ámbito político- o proxecto podería afectar á calidade de vida e ao uso social do territorio. O Concello da Laracha xa manifestou publicamente o seu rexeitamento á iniciativa.
