Amtega abre o prazo para obter a certificación galega de competencias dixitais de iniciación

As probas de acceso terán lugar durante os días 17, 18 e 19 de xuño e permitirán o acceso a máis de 1.200 prazas
Aula Cemit | Arquivo
Aula Cemit | Arquivo

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de poñer en marcha unha nova convocatoria para que a cidadanía poida acceder á certificación galega de competencias dixitais no seu nivel de iniciación (ComDix). O prazo para inscribirse abre este luns 4 de maio e permanecerá dispoñible ata o día 13, ofrecendo un total de 1.259 prazas.

As probas desenvolveranse de maneira presencial os días 17, 18 e 19 de xuño en aulas da rede CeMIT distribuídas por 46 concellos galegos. Co obxectivo de facilitar a participación, organizaranse 98 quendas en distintos horarios, tanto en sesións de mañá como de tarde.

Favorecer a adaptación á tecnoloxía actual

Esta certificación está dirixida a toda a poboación e pretende validar as capacidades necesarias para o uso das tecnoloxías dixitais en diferentes ámbitos da vida diaria, desde o persoal ata o profesional. Deste xeito, búscase reforzar as habilidades dixitais da sociedade e favorecer a súa adaptación ao contorno tecnolóxico actual.

As persoas interesadas poden consultar a distribución de datas, lugares e horarios, así como realizar a inscrición, a través da páxina web da rede CeMIT. Ademais, a plataforma de teleformación desta rede ofrece materiais didácticos para preparar o exame, estruturados arredor das cinco áreas e as 21 competencias recollidas no marco galego de competencias dixitais.

Para obter o certificado, será necesario superar unha proba tipo test con entre 60 e 70 preguntas, deseñada para avaliar o conxunto destas competencias. Unha vez rematado o prazo ordinario de inscrición, abrirase unha fase extraordinaria no caso de existiren vacantes, co fin de adxudicar as prazas restantes ás persoas en lista de agarda.

Unha nova oportunidade a finais de ano

De cara ao segundo semestre de 2026, a Amtega prevé lanzar novas convocatorias desta certificación. En concreto, está previsto ofrecer o nivel intermedio no mes de outubro e unha nova oportunidade para o nivel de iniciación a comezos de decembro. As datas e condicións detalladas daranse a coñecer previsiblemente a partir de setembro.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.