A Academia Galega do Audiovisual vén de actualizar as bases dos Premios Mestre Mateo, que en 2027 celebrarán a súa XXV edición. A convocatoria chega con varios cambios que afectan tanto ás categorías de produción como ás profesionais, ademais de introducir unha normativa específica sobre o uso da intelixencia xerativa nas obras.

A reorganización das categorías e os novos premios
Co obxectivo de adaptar os galardóns á evolución dos formatos e da industria, a Academia redefine e amplía varias categorías. As longametraxes pasan a dividirse en catro modalidades, incluíndo por primeira vez unha categoría específica para filmes en lingua non galega e outra para documentais pero mantendo a categoría xeral de Mellor Longametraxe e o Premio a Mellor Longamentraxe de animacións. As curtametraxes tamén se diversifican, distinguindo agora entre ficción, documental e animación.
No ámbito das series, desaparece a separación entre produción televisiva e web: todas competirán nunha única categoría, á que se suma unha nova modalidade para serias en lingua non galega. Os programas tamén se reorganizan en dúas liñas: informativos/divulgativos e variedades/entretemento.

Esta reestruturación ten impacto directo nas categorías profesionais, que se adaptan ao novo mapa de formatos. A dirección dividirase en tres premios (longametraxe, serie e programa) e a comunicación recoñecerá por separado o labor en programas informativos e en espazos de entretemento.
A IA entra nas bases: declaración obrigatoria e limitacións
Un dos cambios máis relevantes é a incorporación dunha cláusula específica sobre o uso de IA xerativa. Todas as producións deberán indicar na inscrición se empregaron estas ferramentas e con que finalidade. A academia distinte entre: Uso nulo (sen emprego da IA),uso auxiliar (tarefas técnicas non creativas como a corrección de cor, subtitulación, limpeza de audio tradución…compatible con todas as categorías) e uso significativo (cando a IA intervén en elementos creativos esenciais como imaxes, voces, música, personaxes ou guión).
No caso de uso significativo, a obra poderá optar ás categorías de produción, pero non ás categorías profesionais vinculadas aos elementos xerados, salvo que se demostre autoría humana. A falta de declaración ou unha información incompleta poderá supoñer a exclusión da candidatura ou mesmo a retirada dun premio.

Prazos e requisitos de participación
As obras deberán ter a súa primeira comunicación pública entre o 1 de decembro de 2025 e o 31 de decembro de 2026. O prazo de inscrición está xa aberto e remata o 30 de setembro de 2026 ás 14:00 horas.
Mantense o requisito de porcentaxe mínima de titularidade galega (entre o 10 % e o 19 %). As producións que non acaden os 7 puntos de profesionais galegos e elementos de galeguidade non poderán competir nas categorías de produción, aínda que si poderán presentar candidaturas individuais de profesionais galegos que participasen na obra.