O cinema e a cultura galega cruzarán esta fin de semana o Canal da Mancha para chegar ata a University of Oxford. O vindeiro sábado 10 de maio, o Galician Film Forum e o Centro de Estudos Galegos da universidade británica organizarán unha proxección especial do filme Antes de nós con motivo da celebración do Día das Letras Galegas.
Unha proxección en galego, para os galegos
A iniciativa servirá tamén para reunir parte da comunidade galega presente en Oxford, onde cada ano estudan e investigan numerosos estudantes e profesionais procedentes de Galicia. O evento, aberto ao alumnado e ao público interesado, busca reforzar os vínculos culturais da diáspora galega no Reino Unido e crear un espazo de encontro arredor da lingua e da creación audiovisual galega nun dos centros académicos máis prestixiosos do mundo.
A sesión terá lugar ás 18:00 horas no Shulman Auditorium, cunha entrada de balde, que incluirá unha consumición gratuíta ao remate da proxección.
Antes de nós, un éxito mais do cinema galego
Dirixida por Ángeles Huerta, Antes de nós propón unha ollada íntima e humana á figura de Castelao, afastándose da imaxe exclusivamente política ou institucional coa que adoita ser lembrado. A película céntrase nos anos previos a que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao se convertese nun dos grandes símbolos culturais e intelectuais de Galicia, explorando as súas inquedanzas persoais, emocionais e artísticas.
O filme relata as vivencias do rianxeiro nun momento decisivo da súa vida, marcado polas dúbidas, a enfermidade e a relación coa súa muller, Virxinia Pereira. A través desa dimensión máis privada, a obra amosa tamén o proceso de construción do pensamento galeguista e do compromiso cultural que acabaría definindo a toda unha xeración.
Castelao está interpretado por Xoán Fórneas e Cris Iglesias, que dá vida a Virxinia. A cinta combina o drama histórico coa reflexión sobre identidade, memoria e pertenza, ofrecendo unha aproximación emocional á figura do autor de Sempre en Galiza.
A produción foi, ademais, unha das grandes triunfadoras dos Premios Mestre Mateo, onde acadou 13 galardóns e se consolidou como unha das obras audiovisuais galegas máis recoñecidas da tempada.
