O rei Filipe VI e Pedro Sánchez coincidiron na inauguración do Foro La Toja-Vínculo Atlántico, nunha xornada marcada polos debates sobre a orde internacional, a intelixencia artificial, a vivenda e o futuro de Europa.
A Illa da Toxa, no Grove, acolleu este xoves a inauguración da VIII edición do Foro La Toja-Vínculo Atlántico, un encontro que este ano se celebra baixo o lema Un mundo en desorde. O acto contou coa presenza do rei Filipe VI, do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ademais doutras autoridades e representantes dos ámbitos político, económico, académico e empresarial. Foi a primeira vez que o Rei e o presidente do Goberno coincidiron na inauguración deste foro.

Os asuntos tratados durante a xornada
Durante a xornada abordáronse cuestións como a situación da orde internacional, os conflitos bélicos, a crise da vivenda, a transición enerxética e os desafíos derivados do desenvolvemento da intelixencia artificial. Filipe VI foi o encargado de pechar a inauguración, despois da intervención de Pedro Sánchez, e entregou tamén o Premio Foro La Toja-Josep Piqué ao expresidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa.

O Rei centrou o seu discurso na necesidade de «renovar a orde mundial» ante a erosión do sistema internacional xurdido tras a Segunda Guerra Mundial. Filipe VI defendeu a cooperación internacional e reclamou que se busquen «espazos de confluencia» entre os diferentes actores internacionais. Tamén pediu prestar atención ás voces críticas e defendeu que as democracias europeas asuman unha maior iniciativa para reforzar o dereito internacional.
Outro dos asuntos aos que se referiu foi a intelixencia artificial. O monarca apostou por que o seu desenvolvemento estea sometido ao control humano e orientado ao ben común. Ademais, reivindicou a continuidade do vínculo entre Europa e Estados Unidos e afirmou que o «o vínculo atlántico está destinado a pervivir».
Un discurso que volveu a poñer o foco no nome da Toxa
Un dos momentos máis comentados da intervención de Filipe VI foi o comezo do seu discurso. O Rei empregou o galego nas primeiras palabras e referiuse ao encontro como o «Foro A Toxa-Vínculo Atlántico».

O uso da forma galega A Toxa, fronte á denominación comercial La Toja empregada oficialmente polo foro, volveu situar o topónimo no centro da atención. A cuestión non é nova: nos últimos anos diferentes voces e iniciativas políticas galegas cuestionaron o emprego de La Toja para denominar un evento que se celerba na illa da Toxa e lembraron que a forma oficial do topónimo é galega.
O resto da intervención do monarca desenvolveuse principalmente en castelán e estivo centrada nos desafíos que afronta a comunidade internacional. Filipe VI advertiu de que as guerras, as ameazas híbridas e outros retos globais están a xerar novos motivos de preocupación e insistiu na necesidade de recuperar e adaptar as estruturas internacionais.
Pedro Sánchez e Rueda aproveitan o encontro para abordar os retos políticos
Antes do Rei, Pedro Sánchez interveu na inauguración e centrou boa parte do seu discurso na necesidade de recuperar unhas regras internacionais capaces de facer fronte aos conflitos, á desigualdade, á emerxencia climática e o desenvolvemento da intelixencia artificial. O presidente tamén defendeu unha regulación da IA e reclamou ao Congreso «altura de miras» para a aprobación dos decretos relacionados coa vivenda.

Pola súa banda, Alfonso Rueda reivindicou o papel das comunidades autónomas nos grandes debates internacionais e puxo o foco na situación da vivenda en Galicia. O presidente da Xunta tamén agradeceu ao Goberno central a colaboración para a chegada a Galicia da compañía asiática SAIC, que ten prevista unha fábrica na zona de Ferrolterra.
Outras autoridades presentes
A inauguración reuniu ademais outras figuras políticas e institucionais, entre elas os expresidentes do Goberno Filipe González e Mariano Rajoy, o expresidente portugués Marcelo Rebelo de Sousa e diferentes representantes dos ámbitos económico e empresarial. Rebelo de Sousa recibiu durante o acto o Premio Foro La Toja-Josep Piqué pola súa traxectoria e pola súa contribución ao fortalecementos das democracias representativas e do vínculo atlántico.

Co lema Un mundo en desorde, o Foro continuará ata o sábado coa participación de representantes políticos, empresariais e académicos, e con debates sobre cuestións como a xeopolítica, a economía, a seguridade, a tecnoloxía, a intelixencia artificial e as relacións entre Europa e o espazo atlántico.