Galicia viviu este sábado unha das maiores mobilizacións sociais dos últimos anos en defensa do dereito á vivenda. Milleiros de persoas saíron á rúa en cidades como A Coruña, Vigo, Pontevedra, Santiago, Lugo e Ferrol, nun contexto marcado pola caída dos decretos de vivenda no Congreso e polo avance das acampadas reivinidicativas que xa se consolidan como símbolo do malestar social.

Santiago: 2.000 persoas e unha acampada que «non pensa marchar»
A primeira mobilización da xornada tivo lugar en Santiago de Compostela, onde arredor de 2.000 persoas se concentraron na praza do Obradoiro, na acampada instalada fronte ao Pazo de Raxoi, e que cumpre xa varios días sen ter unha data de fin establecida para reclamar unha vivenda digna e accesible.

As consignas máis repetidas foron a favor dunha folga xeral pola vivenda, unha demanda que gaña forza entre colectivos sociais e plataformas como Vivenda Xa ou o Sindicato de Vivenda de Compostela, que denuncian que a situación é insostible para a maioría das familias.
Vigo e A Coruña: mobilizacións multitudinarias ao berro de «menos luces e máis vivendas»
Pola tarde, as grandes cidades sumáronse cunha resposta masiva. En Vigo, a marcha partiu do cruce de Via Norte con Urzáiz e reuniu arredor de 5.000 persoas, que avanzaron cara Porta do Sol entre cánticos contra a especulación e o turismo descontrolado. O lema máis coreado foi «menos luces e máis vivendas», en referencia ao gasto municipal en iluminación fronte á falta de políticas habitacionais.

En A Coruña, a manifestación arincou na Ronda de Outeiro e percorreu Conchiñas ata a Subdelegación do Goberno. os asistentes denunciaban que os prezos de alugueiro son imposibles de xestionar e quea cidade vive unha expulsión constante de veciñanza cara a periferia.
Lugo, Ferrol e Pontevedra tamén se suman á onda reivindicativa
En Lugo, a concentración diante do Concello reuniu centos de persoas reclamando medidas urxentes para frear a especulación. En Ferrol, outra protesta pediu «un acceso universal á vivenda» e denunciou a falta de parque público e en Pontevedra, xa hai convocada unha nova mobilización hoxe, luns, na Praza da Peregrina.
As protestas chegan apenas uns días despois de que PP, Vox e Junts votasen en contra da convalidación dos decretos de vivenda do Goberno central, o que provocou un forte clamor social e críticas desde colectivos e oposición. A mensaxe que atravesou todas as mobilizacións foi clara: «Galicia non pode esperar máis». As plataformas avisan de que manterán a presión nas rúas e que a convocatoria dunha folga xeral pola vivenda xa non é só un lema, senón unha posibilidade real se non hai cambios inmediatos.