Galicia sae á rúa este domingo contra a política lingüística da Xunta

A manifestación promovida por Queremos Galgo ante a situación de "emerxencia lingüística" sairá ás 12:00 horas da Alameda de Santiago
Queremos Galego Lingua Vital Xa (1)
Publicidad

A manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego este domingo 23 de febreiro baixo o lema «Lingua Vital Xa!», que ten como obxectivo «frenar a emerxencia lingüística», sairá ás 12:00 horas dende a Alameda de Santiago e finalizará no Obradoiro, tras pasar pola Rúa da Senra, Praza de Galicia, Porta da Mámoa, Toural, Rúa do Vilar, Praza de Praterías e Fonseca.

Así o avanzou a coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, nunha rolda de prensa na que participaron unha vintena de entidades adheridas á plataforma e na que, ademais do percorrido da protesta, tamén se lembraron as principais reivindicacións.

Armas tamén detallou que a mobilización estará encabezada por «persoas referentes» do ámbito cultural e por colectivos xuvenís, do audiovisual, das artes escénicas ou musicais, entre outras organizacións presentes en Queremos Galego.

Unha vez na Praza do Obradoiro, o acto será conducido por Xurxo Souto, contará cunha intervención do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e unha actuación de Os Carapaus. Convidan aos participantes a acompañar a marcha con instrumentos de percusión e animación para facer desta xornada «unha festa» pola lingua galega, antes de concluír coa actuación de Mondra.

Gran participación e apoio exterior

Armas confirmou que xa están previstos preto de trinta autobuses procedentes de diferentes localidades de toda Galicia para facilitar a participación. Ademais, destacou que se organizaron 24 plenarios nos que se acordaron medidas para mobilizar a cidadanía e impulsar as actividades de Queremos Galego.

Tamén anunciou a asistencia de delegacións de Cataluña, País Vasco e da Rede Europea pola Diversidade Lingüística, que se sumarán á protesta para «compartir as reivindicacións» en defensa do galego.

Denuncias contra a Xunta

Pola súa banda, Marcos Maceira subliñou que esta mobilización se produce tras «desenmascarar» o que cualifica como un «pacto polo soterramento do galego» promovido pola Xunta de Galicia.

Maceira lembrou que na manifestación do pasado 17 de novembro reclamábase un «proceso transparente, plural e con vontade» no Plan Xeral de Normalización Lingüística, pero criticou que o Goberno galego actuase con «opacidade, unilateralidade e veto á participación» das entidades implicadas.

Entre outros, denunciou o veto á Asociación de Escritores en Lingua Galega, ás Anpas e a entidades de sectores «fundamentais para impulsar a normalización lingüística». Ademais, censurou que a Xunta pretendese abordar a educación sen contar con Anpas, sindicatos e organizacións estudantís, ou a cultura galega sen a participación de entidades do sector audiovisual e escritores en lingua galega.

Chamada á mobilización social

Fronte a isto, Maceira reivindicou que o 23 de febreiro a sociedade galega sairá á rúa acompañada de «entidades sociais, políticas, sindicais e culturais» para defender a lingua galega. Segundo el, será unha ampla representación «da vontade colectiva» por manter e recuperar a lingua propia de Galicia.

Maceira mostrou confianza en que a mobilización social «será o que consiga reverter o proceso de substitución lingüística» e instou ao Goberno galego a «acompañar as reivindicacións» da cidadanía. «Se a sociedade se implica e o Goberno actúa, a situación do galego mellorará», concluíu.

Relacionadas