Pantín prepárase para vivir un dos momentos máis especiais da súa 39ª edición. O vigués Gonzalo “Gony” Zubizarreta, considerado o surfista galego máis importante da historia, volverá poñerse unha licra para competir no Abanca Pantín Classic Galicia Pro 2026, case catro anos despois da súa última participación na alta competición.
A organización concederalle un wildcard para entrar directamente no cadro do QS 6000 International, nunha oportunidade que terá un marcado carácter de homenaxe a unha carreira de máis de dúas décadas ao máis alto nivel.
Unha última baixada sobre a táboa
Gony Zubizarreta chegou a Vigo sendo aínda un bebé, despois de nacer en Buenos Aires en 1985, e foi nas praias e rompentes da contorna viguesa onde comezou a construír unha traxectoria que o levou a competir polos principais escenarios internacionais.
Un dos seus primeiros grandes fitos chegou en 2002, cando con só 17 anos se proclamou campión do mundo júnior da ISA en Australia. Desde entón, acumulou numerosas participacións e éxitos internacionais coa selección española e chegou a rozar en varias ocasións o acceso ao Championship Tour (CT), a máxima categoría mundial do surf.
Agora, xa afastado da competición habitual, volverá a Pantín para disputar unha última proba na elite. Entrará directamente na ronda de 64. “Este sempre foi un evento moi especial para min”, explicou Zubizarreta, que lembra que acudía a Pantín desde pequeno para ver competir aos profesionais. O surfista asegurou estar “moi agradecido” pola oportunidade e con ganas de “poñerse a licra e dalo todo na auga”.
Unha figura que segue ligada ao surf
A participación en Pantín non supón, con todo, a súa desvinculación do mundo da competición. Zubizarreta, actualmente afincado en Ericeira (Portugal), continúa relacionado coa World Surf League como técnico e entrevistador nos eventos que se celebran en España.

A súa traxectoria deportiva e, especialmente, o seu carácter próximo e extrovertido convertérono nunha das figuras máis respectadas do surf nacional.
En Pantín, ademais, Gony xa sabe o que é estar preto da vitoria: na edición de 2009 rematou terceiro, un resultado que agora terá a oportunidade de ampliar cunha última participación nun dos grandes eventos do calendario.
O cartel de wildcards, practicamente pechado
Coa incorporación de Gony Zubizarreta, o cadro de invitacións do evento queda practicamente definido, á espera dos trials do 24 de agosto, que repartirán unha praza máis no cadro masculino e dúas no feminino.
No apartado masculino tamén contarán con wildcard os españois Sean Gunning e Alfonso Suárez, o hawaiano Jackson Bunch, os portugueses Vasco Ribeiro e Joaquim Chaves, o francés Jay Phipps e o sueco Cristian Portelli.
Na categoría feminina estarán invitadas as portuguesas Camila Cardoso e Maria Dias, a francesa Anais Blanchard, a checa Paula Kuta, a británica Raya Campbel e a australiana Natalie Fensom.
Nove días de surf e actividades
O Abanca Pantín Classic Galicia Pro celebrarase do 22 ao 30 de agosto cunha programación que irá moito máis alá da competición principal.
A actividade deportiva comezará os días 22 e 23 co surf adaptado, continuará o día 24 cos trials e, entre o 25 e o 30 de agosto, chegará a Pantín a competición do QS 6000 International coas grandes figuras internacionais da WSL.
O día 28 terá lugar ademais a Abanca Expression Session, unha das probas máis espectaculares do programa, na que vencerá o surfista capaz de executar a manobra máis complexa e chamativa.
Fóra da auga, o evento contará con ludoteca, bautismos de surf, zona market, food trucks, concertos coa nova edición do Pantín Sound e competición de skate, completando unha programación que converterá Pantín durante nove días nun dos grandes puntos de encontro do surf e do ocio na comarca.
E, entre todas esas actividades, haberá unha especialmente simbólica: o regreso de Gony Zubizarreta á competición para vivir o seu último baile en Pantín.