O ximnasta pontevedrés vén de acadar un éxito ao proclamarse Campión de España de Ximnasia Rítmica na Categoría Xuvenil Base, converténdose no primeiro deportista da cidade en conquistar un título estatal nesta modalidade.
A historia deportiva de Hugo Vázquez está marcada pola adicación dende hai anos nun deporte especialmente esixente, tanto a nivel técnico como físico. A súa evolución foi progresiva, competindo e mellorando ao longo dos anos ata situarse entre os mellores ximnastas da súa categoría a nivel nacional. O seu percorrido nun deporte onde a presenza masculina segue a ser minoritaria, visibiliza e normaliza a participación de rapaces na ximnasia rítmica.

Detrás deste éxito destaca tamén o traballo do seu equipo técnico. As súas adestradoras, Natalia Muiños e Nerea Basala, tiveron un papel fundamental na súa formación deportiva. O traballo conxunto, a confianza e a constancia foron elementos determinantes neste resultado histórico, o cal marca un antes e un despois para a ximnasia rítmica local.


