Investigadores galegos abren a porta a detectar a periodontite cunha mostra de saliva e intelixencia artificial

Un estudo da USC e do IDIS identifica unha sinatura bacteriana capaz de distinguir entre saúde periodontal e enfermidade cunha sensibilidade superior ao 92 %
Inmaculada Tomás, investigadora principal do traballo | Santi Alvite - USC
Inmaculada Tomás, investigadora principal do traballo | Santi Alvite - USC

Unha simple mostra de saliva podería converterse no futuro nunha ferramenta para identificar as persoas con maior risco de padecer periodontite. Así o apunta unha investigación desenvolvida por científicos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), que combinou o estudo do microbioma oral con técnicas de intelixencia artificial.

O traballo analizou máis de 2.300 mostras procedentes de 33 bioproxectos e comparou diferentes zonas da cavidade oral para determinar cal delas ofrecía máis información sobre a enfermidade. Os resultados sitúan a saliva como a mostra con maior potencial para diferenciar entre persoas sas e pacientes con periodontite.

Unha enfermidade que afecta a máis de 1.000 millóns de persoas

A periodontite é unha enfermidade inflamatoria crónica que pode danar os tecidos encargados de manter os dentes e que afecta a máis de 1.000 millóns de persoas no mundo.

A investigación está liderada por Inmaculada Tomás, catedrática da USC e responsable do Oral Sciences Research Group (OSRG). No estudo tamén participaron María José Carreira, catedrática da USC e investigadora do CiTIUS, e Manuela Alonso-Sampedro, investigadora do IDIS.

O obxectivo foi comprobar se a composición bacteriana da boca podía ofrecer información suficiente para identificar a presenza da enfermidade sen necesidade de recorrer directamente á zona periodontal afectada.

A saliva ofrece os mellores resultados

Os investigadores estudaron tres tipos de mostras: saliva, placa bacteriana acumulada sobre os dentes e placa situada no interior do suco periodontal.

Os resultados foron especialmente relevantes no caso da saliva. O modelo con mellor comportamento conseguiu unha sensibilidade do 92,4 % e unha especificidade do 85,3 %, cunha área baixo a curva de 0,928, un indicador utilizado para medir a capacidade dun modelo á hora de distinguir entre diferentes condicións.

A placa supragingival tamén mostrou un elevado potencial, mentres que as mostras obtidas directamente do suco periodontal presentaron un rendemento inferior ao esperado.

A intelixencia artificial reduce a análise a poucos marcadores

Outro dos achados do estudo é que non sería necesario analizar centos de microorganismos: os modelos lograron bos resultados con sinaturas de só entre 6 e 12 marcadores bacterianos. Tras comparar diferentes métodos de aprendizaxe automática, os modelos aditivos xeneralizados ofreceron o equilibrio máis favorable entre detección da enfermidade e identificación de persoas sas.

En total, a análise permitiu localizar 48 variantes bacterianas con valor predictivo, entre elas especies relacionadas coa periodontite como Porphyromonas gingivalis, Filifactor alocis, Treponema denticola e Fusobacterium nucleatum.

Estes resultados permitiron identificar tanto os microorganismos que contribúen á clasificación das mostras como aqueles que poderían ter interese como futuros marcadores da enfermidade.

Un posible futuro cribado a partir da saliva

Os resultados abren a porta ao desenvolvemento futuro dunha ferramenta de cribado baseada na saliva, unha mostra sinxela, indolora e non invasiva que podería axudar a identificar as persoas que necesitan unha revisión periodontal máis completa.

Porén, aínda non se trata dunha proba dispoñible para o diagnóstico clínico: os modelos deberán validarse en novas poboacións e en condicións reais antes de chegar á práctica odontolóxica.

O traballo, publicado no Journal of Dental Research, supón así un paso cara a unha periodoncia máis personalizada e ao uso combinado do microbioma e a intelixencia artificial para avanzar na detección precoz da enfermidade.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.