Luis Pazos, director do ‘Atlantic Pride’: «A reivindicación do colectivo LGBTIQ+ tamén se fai desde a música e a cultura»

O director do Atlantic Pride destaca a consolidación do festival como un referente da diversidade e da cultura en Galicia nunha sétima edición que reunirá na Coruña artistas como Azúcar Moreno, Soraya, María Isabel, Zahara ou Alba Reche entre o 5 e o 12 de xullo
Luis Pazos, un dos directores do festival Atlantic Pride | Atlantic Pride
Luis Pazos, un dos directores do festival Atlantic Pride | Atlantic Pride

O Atlantic Pride regresará á Coruña entre o 5 e o 12 de xullo cunha edición que volverá combinar grandes nomes do pop, talento galego emerxente e propostas vencelladas á diversidade. O festival, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña (ORCO), alcanzará este ano a súa sétima edición consolidado como unha das principais citas do verán na cidade, cun cartel no que figuran artistas como Azúcar Moreno, Soraya, María Isabel, Zahara, Miriam Rodríguez, Alba Reche ou Whigfield.

Unha das citas imperdibles do verán galego que demostra -ano tras ano- que a música tamén é unha ferramenta de reivindicación. Os seus organizadores tíñano claro desde o primeiro día: construír un festival diferente aos demais que A Coruña necesitaba. Así o resume o codirector Luis Pazos, quen defende que o Atlantic Pride naceu para ofrecer espazo a artistas e propostas que adoitan quedar fóra dos grandes eventos musicais, así como para reivindicar a diversidade desde a cultura, a música e a celebración compartida.

Dun festival de dous días a unha cita consolidada

A historia do Atlantic Pride comezou dende cero, cunha pequena edición de dous días en 2019. Sete anos despois, a iniciativa converteuse nun festival de oito xornadas que reúne milleiros de persoas na cidade e que se consolidou como unha das principais citas culturais do verán coruñés.

Un crecemento que, segundo o propio Luis, non foi casual, senón a resposta á boa acollida do público e á vontade constante de mellorar cada edición. «Intentamos apoiar a cultura galega e aos artistas galegos, pero tamén ofrecer ao público o que nos vai demandando. Cada ano buscamos medrar un pouco máis e, afortunadamente, estámolo conseguindo», afirma.

Imaxes de concertos da pasada edición do Atlantic Pride | Raúl Lorenzo

E é que o Atlantic Pride naceu tanto pola necesidade de loita do colectivo coma porque os seus organizadores percibían que A Coruña merecía un festival destas características. «Críamos que a cidade o merecía. Hai determinados artistas que non teñen cabida nos macrofestivais e pensamos que un festival coma o noso podía ofrecerlles ese espazo», confesa.

Un escaparate para o talento galego e os artistas queer

E é que unha das principais características do Atlantic Pride é precisamente esa aposta por propostas que adoitan quedar fóra dos grandes circuítos musicais. Dende a organización, consideran que festivais coma o que lograron consolidar nunha cidade como A Coruña tamén teñen a responsabilidade -ademais de dar resposta á demanda do público- de apoiar artistas emerxentes e dar visibilidade a proxectos que dificilmente chegan aos grandes escenarios.

«Non falo só de artistas queer. Hai unha parte importante da escena galega que tampouco está presente nos macrofestivais. Nós queremos aportar o noso gran de area e ofrecerlles unha plataforma», sentencia.

Para Pazos, esa combinación entre nomes recoñecidos e novos talentos é precisamente unha das claves do éxito do festival: «Intentamos mesturar descubrimento musical con artistas que forman parte da memoria colectiva. Iso fai que o público sexa moi diverso e que distintas xeracións poidan atopar propostas que lles interesen.»

A reivindicación, tamén desde a cultura

Aínda que a programación musical é o principal reclamo do Atlantic Pride, a organización insiste en que o festival mantén intacto o seu carácter reivindicativo. «Pensamos que a reivindicación non só se fai cunha manifestación ou cunha pancarta. Tamén se pode lograr desde a cultura e desde a música. Todas son compatibles se se logran combinar da mellor maneira», sostén.

Nesa mesma liña, defende a importancia de ofrecer espazos a artistas que transmiten mensaxes ligados á diversidade e á liberdade: «Hai artistas queer que achegan discursos moi interesantes e que non sempre atopan espazo nos grandes festivais. O mesmo ocorre coas drag queens, que practicamente só teñen presenza en eventos como o noso.»

Varias drag queens sobre o escenario do Atlantic Pride | Atlantic Pride

Precisamente para reforzar esa aposta, o Atlantic Pride incorporará este ano unha das súas principais novidades: o Atlantic Drag, unha xornada que se celebrará o luns 6 de xullo e estará íntegramente dedicada a reinvindicar o seu papel dentro do colectivo, así como a súa gran capacidade artística.

«Queremos visibilizar o enorme talento drag que hai na Coruña e en Galicia. Este ano será unha primeira edición centrada nas artistas locais, pero gustaríanos seguir medrando e incorporar cada vez máis nomes da escena galega.»

Escarlatina Pier e Rrrita, dúas das trece drags que o darán todo no Atlantic Drag! | Atlantic Pride

Agata Terrier, Ball Monte, Cloe Savage, Escarlatina Pier, Kara, Kelly Amethyst, Meri Krishna, Nomi Bull, Rrrita, Venux Electra e Xen encherán a plaza de Pontevedra no templo do glitter, do humor, da performance e de moitísimo orgullo local.

Unha asociación que xorde da amizade e o compromiso

Detrás do Atlantic Pride hai unha asociación formada por tres amigos que decidiron converter unha idea nun proxecto cultural para a cidade: «Organizamos o festival de maneira totalmente altruísta. Dende que isto xurdiu en 2019, traballamos desde o corazón».

Unha implicación que tamén lles levou -a pesar do éxito do festival- certas dificultades, como pode ser no aspecto económico. «O tempo, os patrocinios, os imprevistos de última hora… aínda que todo vaia como ti queres que o faga, sempre poden xurdir imprevistos, porque non é un camiño fácil. E o peor é que moitas veces non dependen de ti. Pero hai que seguir adiante».

É por isto que agradeceden o apoio institucional, como é o caso da Xunta de Galicia, a través dos Concertos do Xacobeo, un respaldo que lles permite continuar ampliando a programación e aspirar a artistas de maior proxección.

César, Iván y Luis, directores do festival, xunto á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, durante a presentación do festival | Atlantic Pride

Mais dende a organización destacan especialmente o apoio recibido desde o Concello da Coruña, fundamental para que o Atlantic Pride chegase ata aquí: «Se non fose polo concello, este festival probablemente non existiría. Apostaron por unha idea que achega riqueza cultural e turística á cidade e estamos moi agradecidos por iso.»

Medrar sen perder a identidade

A pesar da evolución experimentada desde 2019, o festival busca seguir crecendo, mais cun obxectivo claro e moi marco: conservar a esencia do Atlantic Pride. «O importante non é converterse no festival máis grande, senón seguir sendo únicos e ofrecer unha programación diferente, que mesture artistas de estilos moi distintos e que responda ao que nos pide o público»

Ese crecemento reflíctese tamén no cartel desta edición, que inclúe concertos de Azúcar Moreno, Soraya, María Isabel, Jorge González, Zahara, Alba Reche, Julieta, Raze, Ricky Merino, Kika Lorace, Miriam Rodríguez, Whigfield e moitos máis artistas artistas galegos e espectáculos drag, sen esquecernos do V Certame de Literatura LGTBIQ+.

Azúcar Moreno, Raze, Soraya Arnelas, Whigfield, María Isabel e Ricky Merino son algúns dos artistas que completan o cartel do festival | Atlantic Pride

Un cartel sen precedentes ao que se suman tamén DJ Flashback -tamén coñecido como Iván Milagro- e DJ Licho, o propio Luis Pazos, ambos directores do festival e amantes da música que comezaron este percorrido baixo unha dobre vertente: gozar do crecemento dun festival tan importante para o colectivo e para A Coruña e facer bailar aos asistentes.

DJ Licho sobre o escenario da pasada edición do Atlantic Pride | Raúl Lorenzo

Un festival que, segundo confesa Luis, busca seguir demostrando «que se pode facer un festival diferente, inclusivo e pensado para toda a cidade.» Porque, como el mesmo resume, esa foi sempre a razón de ser do Atlantic Pride: «Mirar pola Coruña e polo noso colectivo. É por iso polo que facemos este festival.» E estamos seguros de que esta nova edición seguirá axudando a conseguilo.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.