A Deputación da Coruña volve a apostar polo comercio de proximidade co inicio dunha nova edición de MercaNaVila, unha campaña que conta coa colaboración da Federación Galega de Comercio e de ABANCA destinada a incentivar as compras nos pequenos municipios da provincia e a fortalecer a actividade económica dos negocios locais.

nunha visita a unha librería de Noia no MercaNaVila do ano pasado | DEPUTACIÓN DA CORUÑA
A campaña multiplicará por cinco o investimento público
Tras os resultados acadados na edición anterior, o programa regresa en 2026 coa intención de xerar arredor de 25 millóns de euros en compras nos concellos adheridos. Segundo as previsións da organización, o impacto económico da campaña multiplicará por cinco o investimento público destinado aos bonos desconto, favorecendo un retorno directo para os comercios e para a economía local.

A campaña permanecerá activa entre o 20 de outubro e o 20 de novembro de 2026, aínda que os bonos poderán esgotarse antes se se consume o crédito reservado para o programa. Por este motivo, dende a organización recomendan descargar os bonos e utilizalos canto antes para garantir o acceso ás axudas. As persoas interesadas poden consultar os establecementos adheridos e descargar os seus bonos a través da plataforma oficial de MercaNaVila.
Os bonos ofrecerán ata 100 euros en descontos por persoa
Os consumidores, maiores de idade, poderán acceder a bonificacións de ata 100 euros, que se aplicarán directamente no momento da compra nos establecementos participantes. Os descontos variarán segundo o importe das adquisicións realizadas, cunha contía que oscilará entre os 10 e os 30 euros por operación.

Un impulso para as pequenas vilas e os seus negocios
MercaNaVila enmárcase dentro das medidas impulsadas pola Deputación para apoiar os municipios máis pequenos da provincia e reforzar a competividade do pequeno comercio fronte a outros formatos de consumo. Ademais de aforro para os consumidores, a iniciativa pretende consolidarse como unha ferramenta eficaz para manter a actividade empresarial, preservar os servizos comerciais nas vilas e contribuír ao desenvolvemento económico do territorio.