Morre aos 86 anos o escultor Maxín Picallo, discípulo de Francisco Asorey

Maxín Xulio Picallo Durán, con máis de seis décadas de traxectoria e unha extensa obra espallada por toda Galicia, era un dos últimos alumnos vivos de Asorey
Maxín Xulio Picallo Durán escultor Francisco Asorey

O escultor galego Maxín Xulio Picallo Durán faleceu este luns, 28 de setembro, aos 86 anos, deixando tras de si máis de seis décadas de traxectoria artística e unha extensa obra figurativa espallada por Galicia, distintos puntos do Estado e varios países. Nado en 1940 no lugar de Santo Ildefonso, na parroquia de Santa María de Troáns, en Cuntis, foi un dos últimos alumnos vivos de Francisco Asorey.

A súa vocación artística manifestouse desde moi novo. Procedente dunha familia humilde, a súa habilidade para o debuxo e a talla da madeira chamou a atención do profesor Xosé Losada, que convenceu os seus pais para que lle permitisen continuar a súa formación na Escola de Artes e Oficios de Santiago. Alí instalouse en 1956 e tivo como mestres, ademais de Asorey, a Felipe Criado e Fernando Barral.

Daquela etapa proceden algunhas das aprendizaxes que marcarían a súa carreira. Asorey introduciuno no traballo da pedra de grao, mentres que Barral lle ensinou as técnicas da talla do mármore, materiais cos que posteriormente desenvolveu boa parte da súa produción escultórica.

De Santiago a Goián

Unha vez rematados os estudos e o servizo militar, Picallo trasladouse a Goián, en Tomiño, para incorporarse ao obradoiro do escultor Xoán Piñeiro Nogueira. Foi nesta localidade do Baixo Miño onde asentou a súa vida e onde permaneceu durante máis de seis décadas.

En Goián entrou en contacto con destacados artistas e intelectuais de ambos os lados da raia, entre eles os pintores Antonio Fernández e Xavier Pousa, o escultor Xosé Antúnez Pousa e o escritor Eliseo Alonso.

A súa traxectoria tamén o levou fóra de Galicia. A partir de 1978 residiu durante varios anos na Comunidade Valenciana, onde realizou numerosas obras, entre elas a restauración da fachada dunha igrexa de Biar e o ‘Monument als Geladors’, en Ibi.

A súa produción inclúe pezas como ‘A fonte das Nereidas’, no Rosal; ‘Domitila’, no Museo Provincial de Lugo; ‘A Familia’, en Tui; ‘Nacemento do Río Miño’, na lagoa de Fonmiñá, na Pastoriza; e os monumentos dedicados á muller labrega, aos canteiros, ao mariñeiro e ao emigrante, situados en Forcarei, Cuntis, Moaña e A Estrada, respectivamente.

Entre as súas obras tamén figuran ‘Breogán’, na subida ao castro de Santa Trega, na Guarda, e o conxunto monumental ‘Encontro entre dous mundos’, en Baiona. O seu traballo chegou igualmente a países como Arxentina, Brasil, Canadá, Estados Unidos, Francia, México, Porto Rico, Reino Unido, Rusia e Suíza.

Un legado vencellado a Cuntis e Tomiño

Cuntis destacou especialmente o vínculo do escultor coa súa localidade natal. O Concello lembrou que o seu legado permanece ligado ao municipio a través do ‘Monumento aos Canteiros’, unha obra coa que puxo en valor o oficio e o esforzo dos traballadores da pedra.

Desde Tomiño tamén se salientou a importancia da súa figura para a cultura local. En 2021 realizou a escultura dedicada ao pintor Antonio Fernández, instalada na praza que leva o seu nome en Goián. Ademais, en 2014 foi homenaxeado no acto cívico do Alivio xunto aos artistas Antúnez Pousa e Xuxo Vázquez.

Os últimos anos da súa vida transcorren no seu estudo de Tomiño, onde continuou traballando a pedra e o barro e experimentou tamén con outras disciplinas, como a pintura ao óleo e ao acrílico. Tamén se achegou á escrita e ás novas tecnoloxías.

En 2022 publicou ‘De Roncesvalles a Santiago de Compostela: un escultor en el camino’, unha obra na que recolle a súa experiencia ao longo do Camiño de Santiago. Este mesmo verán saíu do prelo a súa autobiografía, ‘Picallo Escultor: autobiografía de Maxín Xulio Picallo Durán’, de máis de 400 páxinas, na que repasa a súa vida e a súa carreira e documenta boa parte da súa produción artística.

A despedida do escultor

A morte de Maxín Picallo deixa atrás a figura dun dos principais representantes da escultura figurativa galega e un artista cunha marcada sensibilidade cara ás persoas traballadoras, as mulleres, as nais, a emigración e o sufrimento humano.

A súa familia e os concellos de Cuntis e Tomiño trasladaron as súas condolencias e puxeron en valor o legado dun escultor cuxa obra permanece presente en numerosos espazos públicos.

A cerimonia de despedida celebrarase este mércores ás 17.00 horas na igrexa parroquial de Goián, en Tomiño.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.