Vimianzo volveu viaxar ao século XV coa celebración dunha nova edición do Asalto ao Castelo, unha das festas históricas máis representativas de Galicia e recoñecida como Festa de Interese Turístico. Durante toda a fin de semana, milleiros de persoas achegáronse á capital de Soneira para formar parte dunha programación que combinou recreación histórica, cultura popular, concertos, artesanía e gastronomía, convertendo a vila nun gran escenario medieval.
Unha fin de semana para revivir a historia
Inspirada na Gran Guerra Irmandiña de 1467, a celebración recupera o espírito da revolta popular contra os abusos da nobreza feudal mediante unha proposta participativa na que o público deixa de ser espectador para converterse en protagonista. A organización, a cargo da Asociación Cherinkas co apoio do Concello de Vimianzo e Axvalso, volveu apostar por unha programación diversa capaz de atraer visitantes de todas as idades.

As actividades comezaron xa o venres coa tradicional Cea Medieval, celebrada no foxo do castelo, onde centos de asistentes compartiron unha experiencia ambientada na época. Durante toda a fin de semana, os establecementos hostaleiros da vila ofreceron os coñecidos Pinchos Irmandiños, inspirados na gastronomía medieval, mentres que a Feira de Artesanía reuniu numerosos postos de creadoras e creadores chegados de diferentes puntos de Galicia.
A veciñanza toma as rúas
O sábado concentrou os momentos máis esperados da festa. Pola mañá e ao mediodía, o ambiente encheu as rúas coa animación musical e as actividades populares, mentres que pola tarde as Irmandades Parroquiais volveron demostrar a implicación da veciñanza da Terra de Soneira cun desfile que reuniu persoas de todas as idades antes da lectura do pregón e da izada da bandeira irmandiña.

A programación tamén reservou un espazo destacado para o público infantil co Asaltiño, unha adaptación da celebración na que as nenas e nenos participaron nunha representación teatral, protagonizaron a tradicional batalla de auga e culminaron a súa particular conquista da fortaleza co simbólico ariete, converténdose por un día en auténticos irmandiños.
O Lume Irmandiño e a conquista da fortaleza
Xa entrada a noite chegou o momento máis emblemático da celebración. A representación teatral, marcada unha vez máis polo humor, a retranca e as referencias á actualidade, recreou o conflito entre o pobo e os señores feudais cun elenco de actores e actrices que contou coa participación activa do público. A historia serviu de antesala para o tradicional Lume Irmandiño, cando milleiros de persoas acompañaron o gran ariete e as antorchas nun percorrido ata o castelo ao son dos tambores, nunha das imaxes máis recoñecibles da festa.
A toma simbólica da fortaleza, entre o estrondo do ariete, os berros dos irmandiños e os fogos artificiais, puxo o broche ao acto central dun evento que cada ano reúne máis participantes e que mantén viva a memoria da revolta irmandiña desde unha perspectiva contemporánea, participativa e festiva.
Música ata o amencer nun referente do verán galego
A música foi outro dos grandes atractivos desta edición. O escenario principal acolleu as actuacións de De Ninghures, En Tol Sarmiento, Dakidarría, Los de Marras e Festicultores, que prolongaron a celebración ata o amencer e reuniron un público entregado durante toda a noite. A presenza da banda vasca En Tol Sarmiento destacou especialmente ao atraer numerosos seguidores chegados desde Euskadi.

Con esta nova edición, o Asalto ao Castelo reafirma o seu papel como unha das grandes citas culturais e festivas do verán galego, combinando patrimonio, participación cidadá e identidade colectiva nunha celebración que cada ano fai de Vimianzo o epicentro da memoria irmandiña.

