O atletismo galego triunfa no Campionato de España con oito medallas e ouro para Adrián Ben, Belén Toimil e Yulenmis Aguilar

Ademais dos tres ouros tamén conseguiron medallas os irmáns Antía e Daniel Chamosa, Aldara Meilán, David de la Fuente e Pedro Osorio
1

A pasada fin de semana, o atletismo galego ocupou un lugar destacado no Campionato de España absoluto ao aire libre. O Estadio Ciudad de Málaga outorgou a Galicia oito medallas: tres ouros, dúas pratas e tres bronces, demostrando a virtuosidade do atletismo galego.

A xornada do venres foi inaugurada por Daniel Chamosa, quen conseguiu a medalla de bronce nos 10.000 metros marcha cun tempo de 39:22.48. Este foi superado polo atleta Paul McGrath, campión con 38:23.52, e Óscar Martínez coa medalla de prata polos seus 39:03.59.

Na categoría feminina, a marcha volveu dar a vitoria a dúas campioas galegas. Tras o ouro de María Pérez, a pontevedresa Antía Chamosa proclamouse subcampioa con 44:07.51 nos 10.000 metros, seguida da lucense Aldara Meilán, quen rexistrou 44:43.51.

A segunda medalla de prata conseguiuna o salmantino veciño de Marín, David de la Fuente, quen nos 5.000 metros conseguiu un tempo de 13:59.70.

Os ouros chegarían o domingo, onde o protagonismo o tiveron o mediofondo e os lanzamentos. A hispanocubana establecida na Coruña, Yulenmis Aguilar, impúxose como a campioa na final de xavelina cun mellor intento de 59,78 metros. Por debaixo dela situáronse Paula Redondo, con 48,15 metros, e Enya Carretero cun terceiro posto polos seus 47,92 metros.

Pouco despois chegaría o triunfo de Adrián Ben, quen conseguiu o ouro nos 1.500 metros e cruzou a meta en 3:47.54. A este seguírono Carlos Sáez e Mariona García, con 3:47.85 e 3:47.96 respectivamente.

E o terceiro ouro galego chegou da man da mugardesa Belén Toimil, quen volveu demostrar o seu dominio no lanzamento de peso e conseguiu o seu sétimo título consecutivo ao aire libre. A deportista mantén desde 2020 unha xeira de vitorias que a converten na gran referencia nacional desta especialidade.

Pedro Osorio deulle a última medalla a Galicia, conseguindo o bronce na final de 800 metros, cun tempo de 1:47.35.

O Campionato de España demostrou unha vez máis a calidade do atletismo galego con Adrián Ben, Yulenmis Aguilar e Belén Toimil no máis alto do podio; seguidos de David de la Fuente e Antía Chamosa no segundo posto; e Daniel Chamosa, Pedro Osorio e Aldara Meilán, que conseguiron a medalla de bronce nas súas respectivas probas.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.