O Maré 2026 converterá a Santiago nun epicentro global de música e cultura

Esta edición ofrecerá máis de 30 espectáculos incluíndo catro producións propias, oito propostas inéditas en Galicia e unha estrea
O comisario do Xacobeo 2027 presentou hoxe a cita na Sala Capitol | A Xunta de Galicia
O comisario do Xacobeo 2027 presentou hoxe a cita na Sala Capitol | A Xunta de Galicia

Santiago de Compostela prepárase para acoller unha nova edición do Festival Maré do próximo 23 ao 27 de setembro, unha cita que nos últimos anos se consolidou como un espazo de encontro entre artistas, linguas e tradicións de diferentes partes do mundo.

Tanto o Concello como a Xunta destacan o papel do festival como unha plataforma para proxectos que fomentan a diversidade, o diálogo e a creación contemporánea. O obxectivo do festival é achegar ao público galego artistas internacionais e, ao mesmo tempo, dar visibilidade á creación local nun contexto global. Ademais, esta edición terá unha xornada especial polo Día Europeo das Linguas o 26 de setembro.

A presentación do festival na Sala Capitol | CONCELLO DE SANTIAGO

Un programa que percorre diferentes estilos

O Maré 2026 ofrecerá máis de 30 espectáculos, incluíndo catro producións propias, oito propostas inéditas en Galicia e unha estrea. O cartel reúne figuras recoñecidas e proxectos singulares que transitan por xéneros como jazz, rock, reggae, fado, blues, samba ou música de raíz.

Entre os nomes destacados figuran: Aterciopelados (que abrirán o festival na Sala Capitol), Haydée Milanés & Javier Colina, Omar Souleyman, Magalí Sare & Vox Stellae, ALA.NI, Bia Ferreira, Marcos Coll, Camille & Matthieu Saglio, Josyara, Jupiter & Okwess, Trilitrate, Faia, Expresso Transatlántico, entre outros.

O programa inclúe dous momentos centrais: Mare Recomenda, dedicado este ano ao portugués António Zambujo, que actuará no Auditorio de Galicia, e o Cuba canta en Maré, unha produción propia que reunirá artistas da diáspora cubana en Galicia nunha noite dedicada ao son, ao jazz e á salsa.

O domingo pecharase cun diálogo musical entre África e América a través da obra Misa «El Bosque Negro», de Alejandro Vargas e Gino Sitson, na igrexa da Universidade.

Maré Club e Maré Lab: dúas novas experiencias

O festival amplía a súa experiencia con dous ámbitos complementarios. O Maré Club levará a musica a salas e espazos nocturnos da cidade, favorecendo formatos íntimos e encontros entre artistas locais e internacionais. O Maré Lab, por outra parte, é un espazo de creación e reflexión con obradoiros, procesos colaborativos e actividades que conectan artistas, comunidades e novas linguaxes contemporáneas.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.