Un ano despois do asasinato de Teresa, auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no Porriño, as súas compañeiras volven mobilizarse para sinalar a ausencia de normativa que ampare ás traballadoras fronte as situacións límite de violencia que se sofren nos domicilios.
Teresa foi asasinada en xullo de 2025 mentres realizaba un servizo nun domicilio e tras ter alertado de ter sufrido acoso e complicacións co marido da muller que coidaba.
O asasinato, que provocara multitudinarias concentracións ao longo de Galicia e a elaboración e sinatura do primeiro protocolo de actuación ante situacións de violencia no SAF, así como do documento de compromiso ratificado por diversas institucións, volveu poñerse no centro da denuncia o pasado mércores no Porriño.
As traballadoras, organizadas pola CIG, denuncian a negativa por parte da Conselleria de Política Social, Fabiola García, e da Xunta de Alfonso Rueda, a firmar e asumir o nomeado documento de prevención.
Mentres non exista normativa que as ampare, sinalan, «isto seguirá sucedendo». Cun convenio colectivo «sen actualizar dende 2012», as traballadoras do SAF demandan cambios nas condicións laborais e que se contemple a protección das traballadoras cando teñan que abandonar domicilios por seguridade pois, na actualidade, isto ten unha repercusión económica que afecta directamente ao seu salario.
