A sanidade pública galega afronta un dos momentos máis complexos dos últimos anos, cun aumento significativo das listas de espera e un descenso da actividade cirúrxica programada, situación que coincide co impacto das folgas médicas convocadas contra a reforma do Estatuto Marco do Goberno central.
Unha caída do 14,2% das ciruxías programadas
Segundo os datos presentados polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a actividade asistencial do Sergas durante o primeiro semestre de 2026 estivo marcada por 25 xornadas de paros médicos, que obrigaron a suspender arredor de 215.000 actos clínicos. Así, a Xunta atribúe a esta circunstancia a caída do 14,2% das cirurxías programadas respecto ao ano anterior.

Tempos de longa espera: 90 días para unha intervención cirúrxica
A información publicada polo Sergas alerta un incremento notable nos tempos de espera, que chegan aos 100,1 días de media para unha proba diagnóstica, 89,5 días para unha intervención cirúrxica e 69,8 días para unha consulta hospitalaria, valores que superan con claridade os rexistrados un ano antes.

Gómez Caamaño subliña que a prioridade do Sergas foi garantir a atención dos procesos máis graves. As cirurxías urxentes aumentaron un 10,8%, ata as 15.836 intervencións, e as vías rápidas por sospeita de cancro atenderon 14.750 pacientes, mantendo un tempo medio de acceso de 6,6 días.
Un conflito aberto e unha nova folga indefinida
O conselleiro advertiu de que a situación pode agravarsese o Goberno central non abre unha negociación «seria» coa profesión médica. A partir do 28 de outubro está convocada unha folga indefinida que, segundo a Xunta, terá consecuencias «terribles» sobre a actividade asistencial e os pacientes.

Mentres tanto, o Sergas asegura que continuará reprogramando a actividade suspendida e reforzando os recursos dispoñibles para intentar reducir as listas de espera, que xa se converteron nun dos principais motivos de preocupación para a cidadanía.