Queremos Galego chama a manifestarse o 23 de febreiro contra a «emerxencia lingüística»

A plataforma chama a manifestarse en Santiago coincidindo co Día de Rosalía para esixirlle á Xunta "un cambio de actitude e a activación de todos os recursos para reverter a tendencia do galego"

A Plataforma Queremos Galego presentou este mércores a manifestación que terá lugar o domingo 23 de febreiro, Día de Rosalía, en Santiago de Compostela, para reclamar solucións fronte á emerxencia lingüística e esixir á Xunta un cambio de actitude e a activación de todos os recursos para reverter a tendencia do galego.

Así o detallaron este mércores, nunha rolda de prensa en Compostela, o portavoz da Plataforma e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e a coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas.

«Do mesmo xeito que Rosalía inaugurou o rexurdimento do galego na literatura, o día do seu nacemento marcará o inicio do rexurdimento do noso idioma co compromiso e implicación do pobo galego», sinalou Celia Armas.

Baixo o lema ‘Lingua vital xa!’, a marcha partirá ás 12:00 horas do Parque da Alameda e rematará na Praza do Obradoiro, onde haberá unha actuación musical. Así, Marcos Maceira incidiu en que cómpre reactivar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) como o «gran pacto real» polo idioma.

«Teñen que actuar xa», subliñou Maceira, ao tempo que denunciou un «pacto para enterrar o galego» por parte da Xunta, fronte á cidadanía que busca o «impulso para a vida» do galego, un idioma «vital para Galicia».

Sobre o proceso do PXNLG aberto pola Xunta, Maceira lembrou que, tras a asemblea de Queremos Galego en Santiago o 17 de novembro, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, recibiu á Mesa pola Normalización Lingüística.

Nese encontro, puntualizou Maceira, a Plataforma amosou a súa «disposición» a colaborar na reactivación do PXNLG como «gran acordo nacional» polo idioma. Todo isto, engadiu, sempre dentro dun «proceso amplo, plural, participado e transparente».

Nesa reunión, A Mesa pediu que a Xunta amosase o seu compromiso coa aplicación do Plan e asumise «uns puntos mínimos e urxentes» para actuar fronte á «emerxencia lingüística extrema», en liña co indicado polo PXNLG e polo Consello de Europa.

Despois dese encontro, Maceira lamentou que «non teñen máis noticias» que o nomeamento unilateral dunha comisión da que «non coñecen» funcionamento, obxectivos ou «quen e como» van asumir os seus acordos, así como as «intencións da Xunta» de convertela nun espazo de «revisión e non de reactivación e cumprimento» do PXNLG.

«Que dende hai un mes non teñamos máis noticia que o nomeamento unilateral dunha comisión da que non coñecemos funcionamento, obxectivos ou quen e como se van asumir os seus acordos, e das intencións da Xunta de convertela nun espazo de revisión e non de reactivación e cumprimento do PXNLG, fala moi pouco de participación e transparencia», criticou Maceira.

«Na actualidade, non só traballan —en referencia á Xunta— para eliminar as liñas vermellas, senón que están a impoñer outras novas», denunciou. Todo isto, en referencia, entre outros asuntos, á aprobación dunha lei que «abre a porta» a que a TVG «deixe de usar» o galego.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.