Queremos Galego reivindicará a vida “en galego aquí e agora” o 17 de maio

A plataforma, que aglutina a máis de 500 entidades, presentou este mércores o lema da manifestación polo Día das Letras Galegas

A presentación da manifestación de Queremos Galego polo 17 de maio | QUEREMOS GALEGO

Representantes da xestora da plataforma cidadá ‘Queremos Galego’, formada por máis de 500 entidades, presentaron este mércores a lema que presidirá as manifestacións que se celebrarán o 17 de maio, Día das Letras Galegas, nos principais pobos e cidades galegas, “En galego aquí e agora”.

Segundo explicaron, aproveitan as próximas eleccións municipais para “reclamar o papel normalizador dos concellos fronte ao deixamento do resto de poderes públicos porque a situación de emerxencia
lingüística non permite esperar outros 40 anos a que as institucións se dignen a cumprir as súas obrigacións”.

Así, o portavoz da plataforma, Marcos Maceira, fixo referencia ao 40 aniversario da aprobación da Lei de Normalización Lingüística, “unha lei da que destacou máis o deixamento, pasividade ou o boicot directo das administracións públicas —concretamente da Xunta, do Goberno cetal e do poder xudicial—, que a vontade das institucións por reparar, repor e normalizar a lingua que une aos galegos”.

Denuncian “impedimentos de todo tipo”, a nivel educativo, a nivel audiovisual, a nivel administrativo e a nivel xudicial. “Á Xunta e ao Goberno central nin lles importa que en reiteradas ocasións o Consello de Europa sinalase o mínimo que teñen que facer para garantir o dereito ao uso do galego. Neste contexto, é lóxico que o galego perda falantes, pero tamén resulta incrible e esperanzadador que aínda así, aumenten as persoas que insisten en vivir en galego e en transmitilo”, sinalaron.

Neste sentido, Maceira puxo o foco en que, “por primeira vez en décadas”, haxa partidos políticos que desenvolven a precampaña con cartelaría e anuncios en español. “Indican así o seu desprezo ao principal sinal de identidade e cohesión social en Galicia, a lingua”, afeou.

Por iso, piden aos cidadáns que “teñan en conta a capacidade ampla que teñen os municipios e deputacións para garantir a presenza e dispoñibilidade do galego en todas as actividades que dependen deles, tanto para que a Xunta e o Goberno cumpran minimamente, como para que as empresas sómense ao uso do galego”.

“Se todas as entidades locais reclamasen en galego as pólizas de seguro, a documentación e xestións bancarias, a actividade das empresas mentres prestan servizos a concellos e deputacións, incluendo nóminas e xestións, as escolas infantís municipais, as actividades extraescolares, comedores, etc, a situación do galego sería outra”, destacou Maceira.

Por todo iso, comentan, a plataforma sairá ás rúas das principais cidades galegas o 17 de maio ás 12:00 horas, “para reivindicar a vida en galego, aquí e agora”. A información sobre as concentracións está dispoñible na páxina web da plataforma: queremosgalego.gal

Salir de la versión móvil