A nova tempada dos Trens Turísticos de Galicia xa está en marcha e un dos seus itinerarios máis demandados, a Ruta dos Faros, acaba de poñer á venda os billetes para as seis saídas programadas entre xuño e setembro. A proposta, impulsada por Turismo de Galicia e Renfe, combina traxectos en tren, autobús e visitas guiadas polos grandes miradoiros do norte galego.

A xornada comeza en Ferrol ás 09:12 horas, desde onde o grupo se dirixe cara a Cabo Ortegal. A ruta continúa pola Serra da Capelada, onde se atopa o miradoiro de Vixía Herbeira. O itinerario inclúe tamén unha parada en Santo André de Teixido, antes de entrar na provincia de Lugo, onde o tren fai escala en Viveiro. As persoas viaxeiras dispoñen de tempo libre para percorrer o casco histórico, gozar da gastronomía local ou achegarse ao seu entorno natural.
A viaxe remata en dous dos puntos da Mariña: o Faro da Estaca de Bares, o máis setentrional da Península Ibérica, e os acantilados de Loiba, famosos polas súas vistas ao Atlántico. O regreso a Ferrol está previsto para as 21:15 horas.
Datas e prezos da Ruta dos Faros 2026
A ruta contará con seis saídas nesta tempada:
- 6 ao 20 de xuño
- 4 e 18 de xullo
- 29 de agosto
- 26 de setembro
Prezos:
- Adultos: 45 €
- Menores de 14 anos: 20 €
- Menores de 4 anos sen ocupar asento: gratis
- Grupos de 10 ou máis persoas: 15 % de desconto

Outras rutas dos Trens Turísticos de Galicia
- Ribeira Sacra: viaxes polo Sil e o Miño, con visitas a miradoiros e adegas.
- Pazos e Xardíns Históricos: percorridos pola arquitectura señorial galega.
- Ruta dos Monasterios: descuberta do patrimonio relixioso e monumental.
- Ruta do Viño: degustacións e visitas a adegas das denominacións de orixe.
- Ruta dos Queixos: gastronomía e tradicións vinculadas aos queixos galegos.
Todas as viaxes contan con guía especializado e apostan por un modelo de turismo sostible, de proximidade e centrado na posta en valor do territorio.


