Un mariñeiro do pesqueiro Armaven Uno foi evacuado de urxencia durante a noite do martes tras sufrir feridas graves mentres faenaba a unhas 100 millas ao noroeste de Cabo Vilán. O rescate, executado polo helicóptero Pesca 1 do Servizo de Gardacostas de Galicia, desenvolveuse nun escenario metereolóxico hostil.
Segundo a información difundida por Gardacostas nas súas redes sociais, o helicóptero tivo que afrontar un voo de tres horas e media, con ondas de catro metros e rachas de vento que alcanzaban os 30 nós, condicións que complicaron cada fase da operación. A pesar diso, os tripulantes lograron izar o ferido desde a cuberta do Armaven Uno e estabilizalo a bordo.
A evacuación culminou co traslado do mariñeiro a Vigo, onde quedou baixo atención sanitaria especializada. Na operación participou tamén Salvamento Marítimo, que coordinou a intervención xunto ao servizo autonómico.
🚁 O Pesca 1 acaba de efectuar un rescate en condicións extremas. 🛟 Evacuamos un mariñeiro ferido grave do pesqueiro ‘Armaven Uno’ a 100 millas ao NO de Cabo Vilán. Tras 3,5 h de voo, ondas de 4 m e vento de 30 nós, foi trasladado a Vigo en coordinación con Salvamento Marítimo https://t.co/ecrBRDxMyn
— Gardacostas Galicia (@GardacostasGal) September 29, 2026