Ourense convértese nun encontro para o sector audiovisual coa celebración do X Encontro de Academias de Cine e Audiovisual da Península Ibérica, que reúne as academias de Andalucía, Aragón, Asturias, Cataluña, Extremadura, Galicia, Portugal e Valencia. No marco desta décima edición presentáronse os novos Lugares de Interese Cinematográfico (LIC) 2026, unha iniciativa común destinada a recoñecer espazos que forman parte da historia e da memoria audiovisual dos diferentes territorios.
A nova edición incorpora oito localizacións vinculadas a películas e producións audiovisuais de relevancia: Sevilla, o Palacio da Aljafería de Zaragoza, Somiedo, os barrios barceloneses de Bellvitge e La Mina, a Plaza Alta de Badajoz, Sintra, Benidorm e, en Galicia, Santoalla, no concello ourensán de Petín. O recoñecemento pon en valor non só os lugares que serven de escenario para as rodaxes, senón tamén a relación que estes espazos manteñen coa memoria cinematográfica dos seus territorios.
Santoalla, Trasdomonte en Sempre Xonxa
Santoalla foi recoñecida pola Academia Galega do Audiovisual pola súa vinculación con Sempre Xonxa, a película que Chano Piñeiro rodou na aldea en 1989. A obra é unha das pezas fundamentais da historia do cinema galego e unha das tres longametraxes que contribuíron a abrir o camiño da ficción cinematográfica en Galicia e en lingua galega.

O recoñecemento foi recollido este mércores en Ourense polo Tenente de Alcalde e Concelleiro de Cultura do Concello de Petín, Amancio Díaz Jiménez, durante un acto celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
Unha aldea convertida en escenario cinematográfico
Para a película, Santoalla transformouse en Trasdomonte, a localización ficticia na que se desenvolve a historia. O equipo de Chano Piñeiro traballou na aldea ao longo das catro estacións do ano, aproveitando as súas paisaxes, casas e espazos para recrear diferentes décadas e representar a vida do interior galego durante o século XX.
Máis de trinta anos despois da rodaxe, Santoalla conserva parte desa pegada cinematográfica e pasa agora a formar parte dunha rede que pretende preservar e poñer en valor lugares singulares pola súa relación co audiovisual.
Oito novos espazos para a memoria do cinema
Ademais de Santoalla, a rede LIC 2026 incorpora localizacións de moi diferentes características. Andalucía recoñece Sevilla, cidade que ao longo das décadas acolleu producións internacionais como Lawrence de Arabia ou Star Wars: Episodio II – O ataque dos clons.
Aragón incorpora o Palacio da Aljafería de Zaragoza, escenario de producións como Ramón y Cajal: historia de una voluntad, Miguel Servet, la sangre y la ceniza, El Cid ou Vampire Academy. En Asturias, o recoñecemento recae en Somiedo, territorio de gran riqueza natural e etnográfica no que se rodaron películas como ¿Para qué sirve un oso?, Alma e Los Juegos del Hambre: Amanecer en la Cosecha.
En Cataluña, os novos LIC céntranse nas periferias urbanas de Barcelona, concretamente nos barrios de Bellvitge e La Mina, vinculados á memoria do cine quinqui e a filmes como Perros callejeros, Yo, El Vaquilla ou Tapas. Extremadura incorpora a Plaza Alta de Badajoz, mentres que Portugal recoñece Sintra, escenario de películas como A novena porta, A casa dos espíritos ou Misterios de Lisboa. Pola súa parte, Valencia suma Benidorm, presente en producións como Benidorm, Nieva en Benidorm, El Inmortal ou Las largas sombras.
Unha iniciativa común das Academias
Coas novas incorporacións, a rede de Lugares de Interese Cinematográfico continúa medrando como un proxecto común das Academias da Península, coa finalidade de destacar aqueles espazos que, pola súa presenza nas películas e producións audiovisuais, forman parte da memoria cinematográfica dos diferentes territorios.
O X Encontro, organizado pola Academia Galega do Audiovisual no marco do Festival de Cine de Ourense (OUFF) e co apoio da Deputación de Ourense, serve tamén para compartir experiencias, identificar retos comúns e establecer novas vías de colaboración entre as entidades do sector.
O audiovisual tamén sae á rúa
O programa do encontro inclúe, ademais, actividades abertas á cidadanía. Entre elas destaca unha exposición no Centro Cultural Marcos Valcárcel que reúne os principais galardóns das academias participantes e que poderá visitarse de maneira gratuíta ata o 5 de outubro.
Deste xeito, a celebración do encontro en Ourense deixa tamén unha pegada na cidade e conecta a actividade das Academias coa memoria, o patrimonio e os espazos que forman parte da historia do cinema na Península.