O feminismo está no ADN de A Banda da Loba e este 8 de marzo volverán reivindicalo enriba dun escenario. «Somos feministas porque somos mulleres e queremos a igualdade. Por definición, temos que selo», afirma Xiana Lastra, vocalista do grupo. A banda participará este venres 7 de marzo na gala do 8M organizada polo Concello de Ferrol, e apenas unha semana despois, o 14 de marzo, regresarán á cidade para presentar o seu novo disco, ‘Lovismo’. Será unha volta especial, xa que levaban anos sen estrear traballo en Ferrol.
Lastra recoñece que a industria musical segue a ser un espazo desigual para as mulleres. «A industria musical é un reflexo da sociedade. Non hai máis desigualdade aquí que noutros ámbitos, pero segue habendo dificultades para que grupos formados por mulleres entren en determinadas programacións ou festivais». En moitos casos, a súa presenza queda reducida a cubrir cotas de xénero. «Moitas veces colócanche en horarios nos que non te poñerían se fóramos un grupo de homes, ou presupoñen que imos tocar peor». Conta que en ocasións, despois de actuar a xente sorpréndese. «A día de hoxe, temos que demostrar moito máis para estar onde estamos».
Unha homenaxe a Pepa a Loba
Desde a súa creación en 2017, A Banda da Loba foise consolidando como unha proposta ben recoñecida da música galega. O nome da banda é unha homenaxe a Pepa a Loba. Unha muller que derribou obstáculos da vida e «acabou por converterse na líder dunha banda de homes que, fóra da lei, asaltaba á xente rica para axudar ás familias máis desfavorecidas». A súa historia inspirou unha das cancións máis emblemáticas da banda, converténdose nun himno nos seus concertos.
O proxecto xurdiu de maneira inesperada cando Andrea Porto e Marcela Porto coincidiron noutro proxecto que finalmente non saíu adiante. «Aínda que ese proxecto non chegou a ver a luz, si que nos demos conta de que traballabamos moi ben xuntas e xa tiñamos algunhas cousas compostas», lembra Xiana. A partir de aí, buscaron máis integrantes ata dar con Estela Rodríguez e Inés Mirás, primeira guitarrista do grupo.
«Hai moita diversidade musical»
Actualmente, A Banda da Loba está integrada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que ven sustituir a Inés Mirás. «Nos nosos discos hai moita diversidade musical porque ningunha de nós escoita só un tipo de música. Gustábanos a idea de que cada canción atopase o seu propio camiño segundo a mensaxe que queriamos transmitir», di Xiana. «Sempre houbo unha evolución como banda, desde os novos estilos ata os cambios na produción, pero creo que seguimos mantendo unha esencia moi de A Banda da Loba».
Sobre o novo disco, Xiana destaca a diversidade das súas cancións e a exploración do amor desde múltiples perspectivas, «non só desde a romántica, senón poñendo tamén moito foco no autocuidado persoal». A nivel compositivo, a banda mantén o seu espírito colaborativo: «Hai cancións de case todas nós e os arranxos facémolos sempre en grupo».
Momento doce para a música en galego
A música galega tamén está nun momento de transformación. «Creo que hai máis espazos para a música en galego. Hai unha profesionalización do sector que fixo que cheguemos a lugares onde antes non chegabamos», apunta. «O que está collendo máis pulo é o neotrad, proxectos que parten da música tradicional pero que incorporan bases electrónicas e outros elementos máis modernos. Pasa con grupos como Grande Amore ou The Rapants», comenta.
Sen embargo, lamenta que moitos proxectos de gran calidade levan anos facendo música en galego sen conseguir un oco na industria. “Non é unha cuestión global”, aclara, senón que “afecta a certos estilos”. A Banda da Loba, fiel á súa esencia, reafirma o seu compromiso coa música, coa lingua e coa igualdade. “O importante é seguir medrando e creando espazos para a nosa música. Ese sempre foi o noso obxectivo”.