A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha a nova convocatoria de axudas destinadas a facilitar que as persoas menores de 36 anos poidan adquirir unha vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes. A medida, publicada no Diario Oficial de Galicia o 19 de agosto, forma parte do Plan estatal de vivenda 2026-2030 e busca impulsar a fixación de poboación no rural e a emancipación xuvenil.
A solicitude debe presentarse exclusivamente por vía electrónica a través da sede da Xunta de Galicia e o prazo, xa aberto, remata o 16 de novembro de 2026, ou antes se se esgota o crédito dispoñible (2 millóns de euros).

Quen pode solicitar a axuda?
As subvencións están dirixidas a persoas que teñan entre 18 e 36 anos no momento da solicitude e non poden superar 4,5 veces o IPREM en ingresos anuais (o límite aumenta ata 5 ou 5,5 veces se hai persoas con discapacidade na unidade de convivencia).
As persoas solicitantes non poden ser propietarias nin usufrutuarias doutra vivenda en España, salvo casos excepcionais (divorcio, inaccesibilidade por discapacidade, etc.) e teñen que estar ao día coas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

A contía da axuda e os requisitos da vivenda
A subvención cubre ata o 20% do prezo de compra ou do custo da autopromoción, cun máximo de 15.000 euros por vivenda. No caso de dúas persoas copropietarias, a contía repártese proporcionalmente segundo a porcentaxe de participación.
Os requisitos son os seguintes: A vivenda debe estar situada nun concello galego de ata 10.000 habitantes como máximo, o prezo máximo de compra ou custo de autopromoción é de 250.000 euros, sen incluir impostos nin gastos asociados. Ademais, para a compra, a vivenda debe estar xa construída (nova ou usada) e para a autopromoción, as obras deben iniciarse despois do 1 de xaneiro de 2026 e estar finalizadas no momento da solicitude.