O proxecto independente Xerme, creado polo artista Camilo López e producido polo estudo Acariño Games, continúa a súa ascensión internacional ao ser seleccionado para o Selected Indie 80 do Tokyo Game Show 2026, unha das plataformas máis prestixiosas do mundo para o talento indie.
A organización do TGS escolleu Xerme entre máis de 1.500 candidaturas internacionais e só 80 propostas acceden a esta categoría, que lles permite exhibir o seu traballo de forma gratuita durante os cinco días do evento, celebrado do 17 ao 21 de setembro en Makuhari Messe (Chiba, Xapón).

Un videoxogo autoral que aposta pola emoción e o silencio
Xerme destaca pola súa estética minimalista e por explorar un mundo silencioso no que a luz, a música e o movemento funcionan como elementos narrativos, substituíndo o diálogo por unha experiencia sensorial e ambiental.
A dinámica central baséase en recoller e entregar enerxía para transformar o entorno, unha metáfora do sacrificio que o creador quixo trasladar á propia interacción co xogo: cada decisión implica unha renuncia e cada avance unha entrega. A dirección artística constrúe un universo dominado polo branco e a escuridade, onde unha enerxía amarela serve como fío condutor.

Un paso decisivo para a internacionalización
Para Acariño Games, esta selección supón unha oportunidade clave para presentar Xerme ao público e á industria xaponesa, un mercado historicamente influente no desenvolvemento de videoxogos. O estudo confía en que esta visibilidade abra portas a acordos de distribución internacional e consolide a proxección global do proxecto.