As razas gandeiras galegas toman o centro de Lugo con ExpoLugo A Rural

A mostra reúne máis de medio cento de animais autóctonos e achega á cidade o traballo das explotacións da provincia, con degustacións de produtos locais e unha exposición fotográfica sobre a vida nas ganderías
Efrén Castro inaugurou a mostra que reúne máis de medio cento de animais de razas autóctonas galegas | Deputación de Lugo
Efrén Castro inaugurou a mostra que reúne máis de medio cento de animais de razas autóctonas galegas | Deputación de Lugo

A tradición gandeira de Lugo sae das explotacións e achégase ao público urbano coa mostra ExpoLugo A Rural, que reúne máis de medio cento de animais no recinto situado xunto ao Vello Cárcere. A iniciativa, organizada polo Pazo de Feiras e Congresos e financiada pola Vicepresidencia da Deputación, busca dar visibilidade á riqueza das razas gandeiras e ao papel do rural na produción de alimentos e na conservación do patrimonio.

O vicepresidente provincial, Efrén Castro, inaugurou a mostra e percorreu os postos e as corraletas, onde se poden ver exemplares de razas autóctonas como a Cachena, a Caldelá, a Frieiresa, a Limiá, a Vianesa e a Rubia Galega. A exposición tamén inclúe Ovella e Cabra Galega, Porco Celta, cabalos de Pura Raza Galega, Galiña de Mos e Can de Palleiro.

Un escaparate da diversidade gandeira

A mostra incorpora ademais animais de razas foráneas, como vacas Limousin, ovellas Churra e cabras Florida, así como maquinaria clásica achegada por Muvicla. A combinación permite coñecer tanto a diversidade animal como outros elementos vinculados á historia e ao traballo no campo.

Castro puxo en valor o labor das asociacións gandeiras e do persoal do Pazo de Feiras, responsables da organización e da loxística, e salientou a importancia de achegar o rural á cidade e aos visitantes que pasan estes días por Lugo.

Produtos do rural para probar

A actividade complétase cunha degustación de alimentos elaborados con produtos de razas autóctonas, dentro do programa Un gusto de rural, un rural degusto. O público pode probar minihamburguesas de vaca Frieiresa, empanada de Galo de Mos, boliños de salchichón de Porco Celta, bolos preñados de chourizo de Cabalo de Pura Raza Galega e croquetas de cordeiro de Ovella Galega.

Xunto ao recinto gandeiro tamén se pode visitar a exposición fotográfica Gardiáns, de Jorge Arévalo, que retrata o día a día das explotacións da provincia que traballan con razas autóctonas.

A mostra mantén abertas as portas ata as 20.00 horas e conta cun novo horario de visita ao día seguinte, de 11.00 a 14.30 horas.

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.