Lugo e a Confederación do Miño-Sil investirán 2,6 millóns en ampliar a senda do río Rato ata O Ceao

A actuación no tramo alto do río combinará restauración ambiental, mellora do saneamento e medidas para reducir o risco de inundacións
Fernández e Quiroga percorren a contorna do río Rato, no ámbito da actuación que permitirá ampliar o paseo entre Paradai e o polígono do Ceao.
Fernández e Quiroga percorren a contorna do río Rato, no ámbito da actuación que permitirá ampliar o paseo entre Paradai e o polígono do Ceao.

O Concello de Lugo e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil chegaron a un acordo de colaboración para a ampliación do paseo do río Rato ata o seu nacemento, cunha nova senda que conectará Paradai co polígono industrial do Ceao. A actuación enmárcase nun proxecto integral de mellora da seguridade fronte ás inundacións e contará cun investimento global estimado de 2,6 millóns de euros.

O proxecto, que será refrendado pola Xunta de Goberno Local, desenvolverase no tramo alto do río Rato e persegue recuperar o espazo fluvial desde o punto de vista hidromorfolóxico, ambiental e de naturalidade do río. Ao mesmo tempo, contempla a habilitación de espazos e mecanismos capaces de amortecer os desbordamentos naturais e reducir os riscos asociados ás inundacións.

A intervención inclúe tamén a análise e mellora da rede de saneamento e dos seus alivios, co obxectivo de identificar e solucionar problemas existentes tanto nas infraestruturas como na súa xestión. Ademais, prevese a recuperación das marxes do río para o desfrute da cidadanía, combinando zonas de estancia e paseo coa restauración ambiental do contorno.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, durante a visita ao tramo alto do río Rato onde se executará a nova senda.

O investimento total estimado ascende a 2.600.000 euros, dos cales a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil achegará 2.470.000 euros, o que representa o 95% do importe, mentres que o Concello de Lugo contribuirá con 130.000 euros, equivalentes ao 5% do custo total da actuación.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou a importancia da intervención e cualificouna como “un auténtico fito histórico para Lugo”. Segundo explicou, esta actuación permitirá transformar o acceso dos barrios da zona norte ao gran cordón verde da cidade e completar unha rede de espazos naturais e de lecer “absolutamente singular”.

Neste sentido, subliñou que Lugo é “a única capital de provincia incluída nunha Reserva da Biosfera”, un feito que, ao seu xuízo, reforza o valor estratéxico do proxecto. O rexedor engadiu ademais que a actuación contribúe a consolidar un modelo de cidade “máis verde, máis accesible e máis amable para vivir”.

Pola súa banda, o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, puxo o acento na dimensión ambiental e preventiva da actuación. Segundo indicou, este tipo de proxectos permiten compatibilizar a protección das persoas e dos bens coa recuperación do espazo fluvial e dos seus valores naturais.

Quiroga destacou tamén a aplicación de solucións baseadas na natureza, que contribúen a mellorar o comportamento hidrolóxico do río e a súa integración no territorio, ao tempo que se reforza a seguridade fronte ás inundacións.

Con esta intervención, ambas administracións apostan por unha actuación que combina restauración ambiental, prevención de riscos naturais e creación de novos espazos públicos, ampliando o paseo do río Rato e reforzando o papel deste corredor como eixo verde da cidade.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.