A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recoñecerá o vindeiro mércores, 8, Día da Muller Traballadora, a traxectoria de seis lucenses que “hoxe en día son referentes moi importantes pola súa traxectoria profesional e persoal. Todas elas foron abrindo camiño ao empoderamento feminino nos seus sectores, neste caso nos ámbitos da comunicación, da cultura, do deporte, da universidade, da hostalaría e das forzas de seguridade e protección da cidadanía”.
Esta homenaxe plasmarase na entrega dos galardóns Entre Mulleres do Concello de Lugo á presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro; á Catedrática da Facultade de Químicas da USC, Isabel Fernández; á presidenta do EMEVE, Bibi Bouza; á xornalista Tonina Gay, presidenta do Club Cultural Valle Inclán; a Celia Neira, propietaria do restaurante A Nosa Terra; e a Ana Rosa Rodríguez, policía local da primeira promoción de axentes mulleres en Lugo.
Elas serán as protagonistas do gran acto polo 8M que se celebrará no Museo Interactivo da Historia de Lugo, que compartirán coas súas predecesoras nos premios ‘Entre Mulleres’ xa que este ano é moi especial ao cumprise o vinte aniversario da súa instauración, polo que o Concello tamén lles dedicará a todas elas unha lembranza.
Ese mesmo día, no MILH, abriráse a exposición ‘Mulleres Rurais’, organizada pola asociación de mulleres de Benade, que desenvolveron tras ser seleccionadas para realizar un taller no Museo Nacional Thyssen. A entrega destes galardóns será o eixo central da programación que proxecta á concellería de Igualdade, con motivo do Día da Muller Traballadora, que este ano se centra no concepto de sororidade para facer fincapé na importancia da solidariedade entre as mulleres.
No programa, inclúese o ciclo “Mulleres Atlánticas, unha mirada en feminino’, que se enmarca nas actividades da Capital da Cultura do Eixo Atlántico, que comezou o pasado día 2 e no que se proxectarán filmes de directoras galegas e portuguesas ata o día 12 de marzo en O Vello Cárcere, ás 20.00 horas.
O venres, día 10, será unha xornada de música co grupo ‘De Vacas’, que actuará na Praza da Soidade, ás 20.30h. Un evento con entrada libre. Así mesmo, o 17 de marzo terá lugar a actividade ‘Busca do Tesouro’, para idades de entre 14 e 29 anos, deseñada cunha metodoloxía activa e participativa, cun importante compoñente lúdico. Unha actividade que precisa de inscrición previa, aberta ata o 15 de marzo, a través do correo electrónico:
[email protected]. E ata o 19 de marzo proxectarase tanto na Casa Consistorial como na Mosqueira a marca feminista da cidade, Mulleres con Forza. Dende a concellería animan á cidadanía a realizar fotos e inundar as
redes con elas co cancelo #MulleresConForza.