O instrutor do procedemento para a esixencia de responsabilidades derivado da xestión da concesión da Minicentral Hidroeléctrica da Fábrica da Luz vén de descartar que tanto o titular naquel momento da área de Desenvolvemento Sostible como o funcionario responsable do contrato cometeran dolo, culpa ou neglixencia graves na abordaxe do devandito expediente. Así o esixe o procedemento legal en curso para que a acción de regreso por parte da Administración sexa viable á hora de esixir que ámbolos dous respondan co seu patrimonio persoal á indemnización abonada á empresa concesionaria das obras.
O instrutor deixa constancia, en reiteradas ocasións, durante o seu informe de que o feito principal dos cargos investigados – a solicitude de prórroga fóra de prazo- tivo o seu orixe na equivocación do responsable do contrato sobre o prazo no que esta se podía solicitar. Estima as alegacións presentadas polas partes ao respecto nas que queda constancia de que nin a empresa concesionaria, nin a propia Confederación Hidrográfica parecían ser coñecedoras desa limitación temporal ao non telo advertido en ningún momento. De feito, tense en conta que a propia CHMS non denegou a prórroga e os requirimentos que fixo ao Concello para que se instara á
mesma ían tamén fóra do prazo establecido en dous meses de antelación ao remate das obras.
No caso do funcionario municipal, o instrutor achácalle unha conduta omisiva e de falta de dilixencia pero que non reviste gravidade ou a notoriedade que requiriría para ser considerado responsable dos feitos e esixirlle o reintegro da indemnización abonada á empresa. En canto ao ex edil, exímeo de responsabilidade na súa condición de cargo político ao non poder esixirselle coñecementos técnicos ou xurídicos tan específicos tendo en conta, ademais, que, polo xa relatado, queda acreditado que non era coñecedor da obriga de solicitar a prórroga con dous meses de antelación nin tivera recibido ningún aviso ou advertencia ao respecto.
No que ten que ver coa investigación dos feitos secundarios que derivaron da solicitude fóra de prazo da prórroga das obras, como é a reclamación dos danos e prexuízos por parte da concesionaria, o instrutor acepta os atenuantes presentados polos investigados con relación á complexidade técnica e xurídica do expediente e fai fincapé en que non se trata dunha cuestión primordial no prego de cargos. De novo, asegura non apreciar dolo, culpa ou neglixencia graves -a esixida para que a reclamación prospere- por parte do funcionario, senón unha imprudencia leve por omisión da súa función de elaboración dos informes por escrito que se lle solicitaron, o mesmo que no caso do ex concelleiro