O Concello de Lugo organizará este mércores unha xornada para dar a coñecer e poñer en valor os proxectos instalados nos viveiros de empresas municipais. Baixo o título ‘Vive Praza’, o evento terá lugar na Praza Maior, en horario continuado de 11:00 a 21:00 horas e contará con actuacións musicais, obradoiros e contacontos.
A alcaldesa apuntou que esta cita “será unha gran oportunidade para visibilizar e promover, dende o corazón de Lugo, unha vintena de proxectos, produtos e servizos de novos emprendedores e emprendedoras lucenses que están a dar os seus primeiros pasos e medrando nas incubadoras empresarais do CEI Nodus e A Tinería”.
Lara Méndez convidou a todos os e as lucenses a participar nesta nova xornada e descubrir “as novas propostas que están a desenvolver os emprendedores e emprendedoras da cidade nun ámbiente festivo e lúdico, pois o evento contará cunha sesión vermú, na que se fomentará o networking, ludoteca para crianzas desde tres anos, un obradoiro infantil relacionado co emprendemento, un contacontos e, como peche final, unha actuación musical”.
Toda a información da xornada, así como as inscricións e bases, poden atoparse na páxina web. A presentación dos proxectos emprendedores será de 12:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. Tamén haberá un obradoiro infantil ‘Deseña a túa marca’ ás 16:30 horas e as 18:30 horas será o turno doutro obradoiro infantil ‘Design Thinking’.
Discussion about this post