A pista de xeo, un dos pratos fortes do Nadal en Vilalba

O próximo martes 6 comezará o Nadal na localidade co acendido das luces e a inauguración do poboado de Nadal
Concello de Vilalba
Concello de Vilalba

O Concello de Vilalba presentou esta mañá a súa programación de Nadal cunha variada oferta lúdica, cultural e festiva para todas as idades, que se prolongará durante máis dun mes e na que unha das novidades será a pista de xeo que se ubicará na Praza da Constitución.

A programación foi presentada en rolda de prensa pola alcaldesa do Concello de Vilalba, Elba Veleiro; a concelleira de Políticas Sociais, Economía e Facenda e Comercio, Marta Rouco; a concelleira de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Mercados, Antía Rama, e o deputado provincial Roberto García Pernas. Tamén estiveron no acto o representante e director da fábrica en Vilalba de Entrepinares, Javier Gato; o representante e director da fábrica en Vilalba de Lactalis Puleva, Javier Pozueta, e o xefe de zona de Gadisa, Luis Debasa, todo eles colaboradores e patrocinadores da pista de xeo. Asistiu por outra parte Antía Naveiras, representante do comercio e da Asociación de Empresarios Sete Pontes.

O Nadal comeza en Vilalba co acendido das luces e a inauguración do poboado de Nadal o próximo martes 6 de decembro ás 18.30 horas. Este momento tan especial estará amenizado pola mini banda de Vilalba e os pequenos da Asociación Cultural de Andrade. “Durante os días seguintes poderemos desfrutar de moitos e variados espectáculos no Auditorio para os que, como sempre, haberá que sacar entradas previas tanto a través da web do Concello como na Casa da Cultura», explicou Antía Rama.

Dende o Concello está sinalado en vermello o día 21, un dos máis especiais do ano, pola celebración da Feira do Capón, que foi presentada o pasado domingo. O tradicional Concerto da Banda de Música de Vilalba, os hinchables, as danzas, a música vilalbelsa, e a representación dun dos seus monólogos a cargo de Touriñán, serán outras das propostas deste programa que non esquece por suposto a visita de Papá Noel e dos Reis Magos, tanto no casco urbano como nas parroquias.

“Contaremos ademais na recepción na Praza da Constitución cunhas personaxes moi coñecidas grazas a ‘Somos Unidos polo Cáncer’”, recorda Antía Rama, que anunciou tamén a carreira San Silvestre antes do peche do ano. O peche do Nadal en canto a espectáculos será o 6 e 7 de xaneiro coa representación do Ballet da Ópera Nacional de Moldavia e un concerto para celebrar os 30 anos de Meigallas xunto aos vilalbeses e vilalbesas máis cativos.

Marta Rouco adiantou as accións que se levarán a cabo para o fomento do comercio na vila nestas datas. Entre estas iniciativas destaca o reparto de bolsas reutilizables entre o pequeno comercio, cunha mensaxe simbólica que esta vez será ‘Merca en Vilalba’ para agradecer á xente a súa compra. “É unha aposta que levamos facendo dende hai tres anos, porque estamos convencidos de que hai que tratar de concienciar aos veciños e veciñas da importancia de mercar no noso comercio e de dinamizar o que é a nosa vila”, asegurou.

Nesa liña tamén avanzou o que será o prato forte no Nadal en Vilalba, a pista de xeo que se vai instalar na Praza da Constitución entre o día 25 ata o 8 de xaneiro. A pista estará funcionado tódolos días de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. As entradas darán acceso ó recinto durante 45 minutos e en cada quenda poderán entrar 45 persoas.

“Haberá dúas formas de mercalas: a través da páxina web, na que se poden reservar tanto o día como a hora, pero sempre deixando unha cantidade libre para a xente que as queira adquirir presencialmente ou que teña entradas froito dos sorteos que se van facer nos establecemos Gadis”, detallou. “Queremos agradecer tanto esta colaboración de Gadis como a das outras firmas porque sen elas sería imposible montar esta pista”, apuntou. Tamén neste Nadal se levará a cabo en Vilalba a campaña coa Asociación de Empresarios do Polígono, o ‘Merca e Gaña’, que cumpre a súa cuarta edición.

Pola súa banda, Roberto García Pernas felicitou á alcaldesa de Vilalba e ao seu equipo de goberno pola programación. “A pista de xeo é unha alternativa fantástica, porque a veciñanza de Vilalba e da Terra Chá poderá desfrutar dunha actividade que conxuga o mellor do deporte e da vida en común. É una opción tamén boa para o turismo, un turismo que impulsamos dende a Deputación de Lugo”, argumentou o deputado, que recordou que a Deputación aporta 10.000 euros para esta instalación.

Elba Veleiro pechou o acto destacando a programación de todo tipo de actividades que leva a cabo o concello durante todo o ano para os veciños. “Nestas datas tan entrañables como as do Nadal volcámonos un pouco máis para ampliar esa oferta a todas as persoas independentemente da súa idade, condición social ou de que vivan no casco urbano o no rural. Todos os vilalbeses e vilalbesas están chamados a participar”, dixo a alcaldesa. A rexedora convidou a probar a pista de xeo e prometeu dar exemplo “espero que sen caída”, ao tempo que fixo un chamamento á veciñanza de Vilalba e a todos os chairegos a achegarse ata a vila nestas datas.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.