Xa está todo preparado no Concello de Vilalba para acoller esta fin de semana a Festa do Queixo San Simón da Costa, unha das datas máis especiais do ano para toda a veciñanza que chega a súa vixésimo sétima edición. Da man do Consello Regulador, co apoio do Concello e de Caixa Rural Galega, unha das citas referente no calendario de feiras de Galicia porá en valor un produto excelso, froito da tradición e do bo facer dos gandeiros e agricultores da comarca e apreciado a nivel internacional.
O programa festivo abre o pano mañá sábado, ás 12:30 horas, co showcooking de Iván Mariño, concursante de Máster Chef 8 e presentador de ‘Estache Bo’ na Televisión de Galicia. Á Praza da Constitución acolle as súas propostas de preparación para un produto que sempre sorprende na cociña.
Xa entre as 16:00 e as 19:00 horas, os encargados de poñerse o mandil serán os máis cativos, coa celebración do Taller Infantil de elaboración de queixos, mentres que ás 19:00 será o gran momento do pregón a cargo de María Barro, membro da produción da película ‘Valentina’. O templete da praza da Constitución será o escenario deste momento tan emotivo da Festa do Queixo San Simón da Costa. Tamén será á hora de coñecer os nomes dos gañadores das dúas cestas con produtos das queixerías que se sortearán entre os compradores nas casetas.
Ás 21:30 horas tocará desfrutar co Concerto de Sés no Auditorio Municipal. No seu oitavo traballo, a artista conecta con mestría as músicas populares de Galicia cos ritmos americanos do norte e do sur, en galego e en feminino, que de seguro volverá triunfar en Vilalba.
Xa o domingo, dende as 11:30 horas, poderanse degustar as tapas de balde elaboradas con queixo San Simón da Costa no foodtruck situado na Praza da Constitución, mentres ás 12:00 comeza a sesión vermú a cargo de Eventec Discomóvil. Tamén as 13.30 horas se levará a cargo o segundo sorteo de cestas de produtos.
“Esta festa é un día especial para todos os vilalbeses e vilalbesas e estamos seguros de que todos desfrutaremos. Animamos a todos a vir, a participar e a gozar de toda a feira no seu esplendor, tanto dos obradoiros, como das tapas, o pregón e coas casetas de diferentes produtos”, subliña a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro.