O Concello de Vilalba celebrou onte o último pleno ordinario no que se aprobaron, entre outras propostas do grupo de goberno, as subvencións nominativas destinadas ás entidades e asociación que traballan a prol da dinamización do pobo en diferentes eidos.
O goberno local pon en valor o labor diaria destas entidades que repercute directamente na mellora dos servizos e oportunidades dos vilalbeses e vilalbesas a través do tecido asociativo. Por iso, co obxectivo de potenciar e axudar na actividades destes grupos sociais, veciñais, empresariais, educativos, culturais ou deportivos aproba unha achega total de 439.100 euros.
No ámbito asistencial, recibirán subvencións o Hospital Asilo -80.000 euros-; a Asociación de Ex Alcohólicos -10.000 €-, a Fundación Vilalba Terra Chá -75.000 €- así como Protección Civil -5.000 €-. Dentro das asociacións que desenvolven a súa actividade no eido do ensino, as beneficiarias nestes orzamentos serán as ANPAS dos CEIP Manuel Mato Vizoso -1.500 euros-, Antonio Ínsua Bermúdez -1.500 euros- e da Escola de Educación Infantil de Vilalba -1.500 euros-, ademais da APA Terra Chá do CEIP de Román -1.500 euros-. Tamén se concede unha subvención de ata 5.000 euros para a Asociación do Carballido para continuar as obras de rehabilitación da escola habanera como a Serra da Carba -3.000 euros- para a campaña da vespa velutina.
Reciben subvencións tamén numerosas entidades no eido do deporte e no eido cultural. Por outra banda, a Asociación de Empresarios Sete Pontes recibirá 6.000 euros para a promoción do comercio local, mentres a Rectoral de Santaballa -15.000- e a Escola Habanera de Tardade -2.000 euros- recibirán axudas para investimentos. Para a organización de festas, o grupo de goberno tamén incluíu subvencións nominativas a distintas asociacións.