Nas últimas semanas xurdiron en Ferrol un par de campañas de protesta por outros tantos problemas. Foron campañas efémeras, como case todas as das redes, pero habelas hóuboas. E nelas fixéronse dúas cousas, ou, mellor dito, tres: protestar polo estado de dous servizos municipais, esixir unha solución para eles e, por último, culpar ao Concello pola situación, denunciando a súa mala labor e neglixencia.
Nos dous casos, o motivo das protestas importábame. Non vou dicir cales eran, para que este comentario, que pretende ser xeral, non se particularice, pero ambas cuestións interesábanme, e mesmo afectábannos directamente aos meus fillos e a min. E nos dous casos concordo con que temos un problema, e que ese problema debe ser solucionado canto antes. É dicir, estaba de acordo coa denuncia da situación e coa demanda de solucións.
Sen embargo, non tiña nin idea de se o Concello o fixera mal ou non. É dicir, sabía que había un problema, e un problema importante, pero non sabía por que, porque non tiña datos, e polo tanto non sabía se efectivamente houbera deixadez ou mala xestión por parte da administración municipal, ou non. Pode que houbera ineficacia, torpeza e ata desinterese; ou pode que as razóns foran de forza maior, que as posibles solucións non foran viables cos actuais orzamentos, ou que xurdiran obstáculos de prazos, ou legais, ou que sei eu. Incluso poderían ser problemas herdados que non estouparan ata agora. Non o sei, xa digo.
O que si sei é que moita da xente que protestaba tampouco o sabía. Diso estou seguro, porque discutín con algúns. Que coñecían a situación e estaban convencidos de que había que amañala, pero descoñecían, moitos, como se chegara a ela. Coma min. E, sen embargo, iso non lles impedía ter claro de quen era a culpa.
E eu iso non o entendo.
Un problema non é sempre sinónimo de erro, nin un erro ten por que significar falta de vontade. E ser o responsable de algo que sae mal non converte a alguén automaticamente en culpable. Iso sábeo perfectamente calquera que algunha vez teña tomado decisións con consecuencias para terceiros. As razóns polas que un político, un gobernante ou a Administración fan ou deixan de facer algo son moitas e variadas. E algunhas son inaceptables, porque xorden da mala xestión ou de algo peor, pero outras non; outras son razoables e entendibles. Haberá que traballar nelas e tratar de superalas, por suposto, pero, mentres tanto, poden explicar certas imposibilidades. E unha das nosas tarefas como cidadáns é informarnos do que pasa, informarnos de se hai motivos xustificados ou non, e actuar en consecuencia. É dicir: temos que ter criterio, e non podemos xulgar un traballo só polo resultado, sexa bo ou malo, sen saber que hai detrás.
Calquera estudante de primeiro de Políticas sabe que a democracia é moito máis que un conxunto de regras e institucións. Aínda que logo, polo mundo adiante, non o demostremos, sabemos de sobra que a democracia, para que sexa real, para que non sexa unha pantomima, esixe unhas condicións sociais. Dito doutro xeito: para que unha democracia, que seica é unha forma de goberno que pon a orixe do poder no pobo, funcione, fai falla un pobo que estea á altura. E isto quere dicir que ten que educarse, formarse, convencerse e mentalizarse de varias cousas. Entre elas, de cal é o seu papel.
En democracia, a responsabilidade é sempre nosa (e no fondo tamén a culpa, que para iso votamos). Os problemas son nosos. E, polo tanto, non chega con queixarse ou aplaudir aos que teñen que face-las cousas. Temos que informarnos, temos que saber e, despois de saber, aprobar ou rexeitar, validar ou esixir un cambio. Pero con rigor, con criterio.
Non se trata de agachar a cabeza e pensar que xa saberán eles. Todo o contrario: temos que saber nós. Para así non limitarnos a rir ou patalexar, coma nenos agradecidos ou desgustados. Porque iso, ademais de inxusto, é prexudicial, entre outras cousas porque acostuma ao político a traballar así. A quen ve que só se opina e se xulga á lixeira, como lle imos pedir logo seriedade e coherencia, se sabe que non lle sae a conta. E o goberno buscará golpes de efecto ao seu favor, aínda que estean ocos de contido, e a oposición tamén, pero ao contrario. A un público infantil trátaselle infantilmente. E somos máis e máis manipulables. E o nivel vai baixando, e a democracia convértese en demagoxia.
Pódeseme dicir que son un inxenuo, que, total, os políticos van ao seu e non nos van facer caso; que, total, meréceno; que, total, os outros son peores; que total, isto non é democracia nin o vai ser na vida; que, total, o mundo vai colapsar mañá, etc., etc. Ter unha boa escusa é moi doado.
Pero eu estou convencido de que a nosa parte conta. Que os gobernantes cambian en función de a quen teñen enfronte. Que, de feito, os políticos son o resultado do que somos, e é inútil pedirlles que cambien: chegaría con cambiar nós, madurar nós para que madurasen eles.
Só asumindo a nosa responsabilidade temos algunha opción de que eles asuman a súa. Porque a democracia construímola, día a día, nós… ou non.